Selo marinense no vídeo de Tanxugueiras

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

MARÍN

ROCÍO CIBES

O estudo Trece Amarillo produce, xunto a PlayPlan, o clip «Midas», punto de inflexión na traxectoria do grupo

21 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hai unhas semanas pódese gozar co novo tema de Tanxugueiras, Midas, unha canción que, segundo recoñecen dende o entorno do grupo, marca «un punto de inflexión na súa traxectoria» ao apostar «por sonoridades máis urbanas». O lanzamento do sinxelo estivo acompañado dun videoclip con selo marinense. A fin de contas, está producido por, ademais de PlayPlan Cultural, Trece Amarillo, estudo ubicado en Marín responsable, entre outros moitos traballos, de Perfidia, tamén de Tanxugueiras, polo que estiveron nomidados aos premios Mestre Mateo, ou do documental sobre a vida do boxeador marinense Aarón González, quen chegou a ser campión de España tras sufrir un atropelo que a piques estivo de prostralo nunha cadeira de rodas.

ROCIO CIBES

A diferenza de Perfidia, en Midas buscouse visualizar o baile tradicional nunha escenografía vinculada coa avaricia. Deste xeito, «cun vídeo moderno e rompedor, as cantareiras acompáñanse do baile do país coa colaboración de Xisco Feijoó, Fran Sieira e Artur Puga, membros de Fran Sieira Compañía de Danza», resaltan dende The Office Comunicación. Pola súa banda, as intérpretes explican que «escollemos tres bailadores que nos gustan moitísimo, cada un co seu propio estilo e que transmiten moitísima forza. Ao cabo, falamos dun tema con moito carácter e que non deixa indiferente, que é o que sempre pretendemos desde Tanxugueiras».

«Midas é unha peza empoderada e motivadora coa que queremos chegar ás novas xeracións, que van seguir coa tradición e termar dela», engaden as músicas para incidir na fusión da música de base tradicional con sonoridades e estilos máis modernos. Unha mestura que define ao que hoxe en día son Tanxugueiras, na que a falta de medo e o desexo por explorar novos sons marcan a identidade das súas músicas.

ROCIO CIBES

Protagonismo das voces

A isto hai que engadir que con Midas, «as cantareiras despéganse dos seus anteriores traballos e da pandeireta para dar un maior protagonismo as súas voces, á vez que empregan estruturas máis contemporáneas e apostan por un retrouso pegadizo e con forza». Pero, iso si, sen perder de vista a terra, a orixe, a base tradicional das súas composicións.

Nesta labor foi crucial a colaboración de Fer Peleteiro no apartado musical e na produción, así como de Iago Pico, de Pouland Studios, nos traballos de produción, gravación, mestura e masterización. O resultado: «Unha proposta redonda», remarcan dende o grupo conscientes de que «quen escoite a peza atopará conexións co tradicional, alén dos ritmos, nas coplas e no carácter das mesmas».

E todo isto coa intención de poñer en valor a creación popular galega e coa vista posta nas novas xeracións, «a poboación que vai seguir coa tradición e van termar dela, tamén desde a evolución».