Ines Salvado: «Había ganas de volver xuntar os ingredientes deste grupo»

Xacobe lamas

MARÍN

PACO RODRÍGUEZ

O concerto do domingo en Marín nas Festas do Carme será o segundo de De Vacas dende o confinamento

12 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Serán un dos pratos fortes desta edición das Festas do Carme. De Vacas tocarán o domingo a partir das once da noite na Alameda de Marín. Inés Salvado, unha das súas integrantes, fálanos das súas expectativas para este concerto.

-¿Afrontádelo con ganas?

-Moitas ganas. É o segundo concerto despois do confinamento. O primeiro saíu ben, así que, vendo que hai controis e que a xente respecta as normas, afrontamos o segundo máis aliviadas.

-¿Desfrútase igual un concerto con distancia social?

-O público do noso último concerto comentounos que unha vez superados os cinco minutos iniciais e a incomodidade da mascariña, pásase ben. Cremos que o resultado é igual de bo.

-¿Que estiveron facendo De Vacas durante o confinamento?

-De Vacas como tal estivo pausado. Non nos pareceu que fose o momento para crear. Si que seguimos falando e mandándonos cariño, por suposto. Faia (Díaz) deu un concerto en directo dende a súa casa. Tamén subimos un vídeo ás nosas redes, versionando o «Sobreviviré» de Mónica Naranjo, ao tempo que cociñabamos unha tortilla de patacas. Naceu un pouco da desesperación de estar soas. Unha coa cebola, outra cos ovos... So faltaba xuntar os ingredientes deste grupo!

-¿E por que debe a xente achegarse ao voso concerto?

-Porque pase o que pase o día das eleccións, intentaremos facer que todo o mundo desfrute! Celebraremos o que haxa que celebrar e riremos do que haxa que rir. E estaremos tamén moi atentas ao reconto!