Un home apegado á terra que nunca deixou de escribir poemas

m.h. PONTEVEDRA / LA VOZ

MARÍN

cedida

Presentou hai só un mes o poemario «A casa que me mora» no seu querido Marín

01 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai só un mes, en Marín tivo lugar a presentación de A casa que me mora. Non era un libro máis. Era o soño feito poemas de José Estévez Casal, que faleceu o día 29 de novembro en Seixo, onde vivía dende que se xubilou.

José Estévez era natural da parroquia marinense de San Tomé de Piñeiro. Pero a vida laboral levouno a vivir en distintos lugares de Galicia, sobre todo en Compostela. Traballou na Xunta como perito agrícola. E sempre se sentiu apegado á terra. Gustáballe traballala, coñecela e divulgala. Pescudaba todo canto podía sobre o patrimonio e a etnografía, cantaba no coro de San Tomé e acudía puntualmente á misa.

Nunca deixou de escribir poemas, ás veces en notas espalladas aquí e alá. Un día xuntounas e saíu A casa que me mora. «Estaba moi feliz co libro», dicía a súa neta, a cineasta Anxos Fazáns.