«Todo o tempo libre dedícollo á literatura»

Carlos Pereiro PONTEVEDRA / LA VOZ

MARÍN

RAMON LEIRO

Natural de Barro, foi premiado co premio literario mais antigo da comunidade, o Pedrón de Ouro

19 ene 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

Nado en barro, residente en Pontevedra e mestre en Marín, Adolfo Caamaño é un dos escritores galegos con máis proxección nos últimos tempos. Hai uns días, recibiu o Pedrón de Ouro, o premio literario máis antigo da comunidade galega e un dos mais prestixiosos. De momento, segue a escribir, que é a súa paixón.

-Despois de variados recoñecementos, ¿como percibe vostede este galardón?

-Faime moitísima ilusión, ao fin e ao cabo, é o premio máis antigo neste ámbito en Galicia. É algo moi prestixioso. Trato de valoralo moitísimo, porque de entre 45 obras saíu a miña elixida. Unha decisión que tomou un xurado de expertos, e ese xuízo, dende logo, ilusióname.

-¿Canto hai de Barro e Pontevedra na túa obra?

-Moito, claro. Xa só a miña primeira novela Soberano, publicada no 2004, está ambientada na Pontevedra dos 60, 70 e dos 80. A obra coa que gañei o Manuel Murguía o ano pasado, A geisha no bosque de bambú, ten por base dous asasinatos acontecidos en Caldas. En xeral toda a comarca, incluíndo o Salnés, ten unha forte presenza na miña obra.

-Sen embargo, á marxe da vivencia persoal, vostede tamén é un escritor de imaxinación.

-Sí, teño obras totalmente diferentes, no caso dunha en concreto, sitúoa na Etiopía do colonialismo, no século XIX. Teño outra ambientando en Ponte Sampaio e vaise ata Venezuela, así que imaxínate. A miña próxima novela, na que me encontro actualmente traballando, estará ambientada na Primeira Guerra Mundial.

-¿Cree máis na inspiración repentina ou no traballo diario?

-Hai un pouco das dúas cousas. Todo o tempo que teño libre dedícollo á literatura agás cando vou de vacacións. Realmente é que o da inspiración... É como sempre se di, «que te pille currando». No meu caso, levántome as cinco da mañá para darlle un repaso ao feito no día anterior e as tardes para escribir. Nunca sabes moi ben como vai saír a obra. Hai algunhas que tardei moito e outras uns poucos meses.

-¿Como lle inflúe o mestre ao escritor que vostede é?

-Despois de vinte anos dando clase no colexio San Narciso de Marín, un só pode estar agradecido aos seus compañeiros pola axuda prestada. O colexio é un sitio no que sempre se aprende, no que sempre atopei un oco no que sentirme apoiado.

-Coma mestre, ¿custa moito ensinar literatura ás novas xeracións?

-O mestre debe afrontar unha competencia moi forte contra videoxogos, televisión... É unha pena que a literatura estea diluída nas asignaturas de lingua galega e española. Oxalá tiveramos, como noutros países, unha dedicada única e exclusivamente á literatura.