A novena Ruta BTT do Lacón de Cuntis reúne a un total de 359 inscritos

CUNTIS

Club de Montaña Xesteiras de Cuntis

A competición discorrerá por parte dunha ducia de montes do municipio pontevedrés

21 ago 2021 . Actualizado a las 19:59 h.

Con 359 inscritos, todos eles con idades comprendidas entre os 16 e os 70 anos, este domingo, a partires das 9.30 horas, comezará unha nova edición, a novena, da Ruta BTT do Lacón de Cuntis. Esta proba deportiva terá saída e chegada na Praza das Árbores, centro desta vila pontevedresa, e rexérase baixo as directrices da Normativa Técnica da Federación Galega de Ciclismo para as probas de XC Maratón por ser esta unha competición federada e que forma parte do calendario da Copa Galicia de XCM 2021.

Neste caso concreto, o Club de Montaña Xesteiras de Cuntis, que deixou claro que están absolutamente prohibido o emprego de bicicletas eléctricas, preveu dous trazados, unha ruta longa de sesenta quilómetros e un segundo percorrido de 42 quilómetros. En todo caso, o itinerario transitará por parte dos montes de Cuntis, caso de A Louriña, Xinzo, Rebordelo, Laxos, O Pazo, Mesego, A Hermida, Sevil, Cequeril, Vilar de Mato, Vilar e Arcos.

Protocolo covid

Á hora de organizar unha proba destas características tívose moi presente a situación sanitaria actual, circunstancia que determinou a implantación dun protocolo fronte ao covid-19. Así, tras precisar que a competición celebrarase integramente ao aire libre, matizase que «os deportistas accederán con certificado de test PCR ou antíxenos negativo», así como que deberá manterse a distancia de seguridade interpersoal de metro e medio.