Manuel Campos: «Pasamos de ser un concello moi tranquilo a ter unha alta actividade incendiaria»

Marcos Gago Otero
Marcos Gago CUNTIS / LA VOZ

CUNTIS

Manuel Campos, alcalde de Cuntis
Manuel Campos, alcalde de Cuntis EMILIO MOLDES

O alcalde de Cuntis admite a preocupación polos lumes forestais deste verán, pero advirte: «Antes ou despois vaise dar cos autores destes sinistros»

09 sep 2020 . Actualizado a las 15:58 h.

Dous lumes en menos de 24 horas no concello de Cuntis preocupan aos veciños e ao goberno local. O alcalde, o socialista Manuel Campos, admite a súa inquedanza pero tamén avisa de que se perseguirá aos culpables.

-¿Que é o que está pasando este verán en Cuntis?

-Non o sabemos nin nos mesmos, é dicir, estamos tendo unha alta actividade incendiaria. Pasamos de ser un concello moi tranquilo a ser un que ten unha alta actividade incendiaria. Eu digo unha cousa que antes ou despois se vai dar cos autores destes sinistros. Eu sei que a día de hoxe equipos de investigación de Medio Rural e da Garda Civil están traballando nestes sucesos e é so cuestión de tempo, porque hai que atar moitos cabos e leva o seu tempo sacar adiante unha investigación sobre un incendio forestal. Podemos falar incluso de anos para poder esclarecer un caso. Nós eramos un concello moi tranquilo e estamos vendo que xa o ano pasado empezou a haber actividade incendiaria e este ano está sendo importantísima. De feito, nós desde o Concello esforzámonos en facer moitas comunicacións de limpeza de biomasa en todas as parcelas que estaban sen limpar e tentar minimizar o risco. A actividade incendiaria está sendo moi alta, cada vez os lumes están sendo máis perigosos, en zonas cercanas a vivendas e onde poñen en perigo á poboación. E polo tanto estamos moi preocupados por este tema e pódolle dicir que non durmimos con estas historias. Tamén quero destacar que está habendo unha boa colaboración cidadá na transmisión de información e de cousas que se ven e esperemos que ao seu tempo isto de resultados.

-¿Cantos incendios levan no verán?

-Eu creo que entre incendios e conatos debemos levar uns dez. En canto á actividade incendiaria preocupa a parroquia de Cuntis, que é a máis grande, e é tamén a máis afectada, pero déronse casos en Estacas e Troáns. 

-¿Teñen algún modus operandi que sexa común a estes lumes? ¿Ou son distintos?

-Diso non podo dar datos, porque son cousas que están en investigación, e non podemos darlle pistas ao enimigo.

-As lapas quedaron a 300 metros do núcleo de Vilar o martes, e o luns houbo que desaloxar unha vivenda en Cequeril. ¿Como se está vivindo nas aldeas o que está pasando?

-A xente das aldeas víveo con moita preocupación. Cando ti ves que nun incendio o lume chega á porta das casas, a preocupación é grande. Cando as lapas chegan a un punto de case tocar a unha casa, hai unha situación moi dantesca e moi preocupante. ¿Que estamos facendo? Estamos tentando actuar máis rápido, cos medios que temos propios do Concello, e tamén cos de Medio Rural cos que estamos altamente coordinados. Estamos chegando a lumes que temos en tempo récord e estamos tentando paralos no seu inicio. En moitos deles ardeu moi pouquiña superficie porque os medios actuaron moi rapidamente. Agora tamén houbo lumes que se prenderon de noite e iso tamén é un problema grave. Estamos vendo que a actividade incendiaria destes días está sendo cando as condicións meteorolóxicas son máis favorecedoras para a propagación das lapas, cando máis calor fai, cando máis vento hai. 

-¿As franxas de seguridade están limpas?

-Si, non en todos os sitios, pero en case todos os lugares. Dende o Concello mandamos requerimentos e as comunidades de montes tamén van entendendo isto e limpando. Podemos dicir que casi todas as aldeas están limpas. Non todas, e tamén hai fincas que están sin limpar porque non están identificados os propietarios, as famosas fincas de dono descoñecido, que nós pasa a nos e ao resto de Galicia tamén. Hai fincas que se tardan en limpar porque o procedemento nestes casos é lento. Pero na maioría das fincas están limpas as zonas de afección.

-¿E funcionan?

-Si, funcionan. O outro día se veu claramente en Cequeril. Se hai unha zona de franxa de seguridade é máis fácil loitar contra o lume, porque aínda que arda esa zona, se pode apagar perfectamente o lume.