«A asistencia é precaria. Trátase de sobrevivir e de non meter a pata»

c. b. PONTEVEDRA / LA VOZ

CUNTIS

23 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

josé Gestido é médico de familia no centro de saúde de Cuntis. Leva tres anos como interino. Á volta das súas vacacións atendeu a 697 pacientes en 12 días, o que fai unha media de máis de 58 por xornada.

-¿É algo excepcional ou é o de todos os veráns?

-É moi frecuente no verán tanto aquí como noutros centros de saúde. A situación este ano é moito peor porque hai menos xente entre xubilacións e baixas por esgotamento. A medicina cambiou, non vale o de antes. A xente quere outro trato e a presión asistencial é moito maior coa metade de recursos. A iso súmase unha planificación desastrosa dende hai dez anos.

-¿Como é a asistencia con 60 pacientes ou máis por xornada?

-A asistencia é totalmente precaria. Trátase de sobrevivir e de non meter a pata. Dende logo non podes facer a medicina que queres.

-¿Como o levan os profesionais?

-É esgotador e frustrante. Lévase mal en xeral, non se consegue desconectar cando chegas a casa. Pensas que o que espera ao día seguinte é máis do mesmo. En Cuntis somos tres médicos e sempre falta un, o que implica asumir pacientes do outro e que non se poidan dar citas ata dentro de dez ou once días. ¿Iso que implica? Que todo é urxente, a xente non pode esperar once días por unha gastroenterite. Teño un paciente operado de cancro de colon ao que aínda non puiden ver. O que me queda é que veña quince minutos antes ou quince minutos despois da miña xornada, que é de 8 a 15 horas.