A reaparición de Manu Rodríguez, única boa nova no k.o. copeiro arlequinado

La Voz

CUNTIS

MONICA IRAGO

O Arousa protagonizou a gran sorpresa dos oitavos de final da Copa Deputación

04 abr 2019 . Actualizado a las 20:50 h.

O Arousa protagonizou a gran sorpresa dos oitavos de final da Copa Deputación de Pontevedra. Ou para ser precisos, o Atlético Cuntis. O equipo de Primeira Galicia deixou na noite do mércores fóra da competición do k.o. o cadro arlequinado, logo de rematar de anular no desconto o 0-2 que Mou, no 69, e Trapero, no 80, asinaran encamiñando aparentemente a clasificación do cadro vilagarcián. Dous clamorosos erros, cun gol en propia meta no minuto 86 de Aarón, que volvía defender a portería arousista tras varios meses de baixa por accidente de tráfico, e outro de Juan Fuentes no 92, levaron a eliminatoria á quenda de penaltis. E aí o Atlético Cuntis foi superior, vencendo 4-3.

A única boa nova real do encontro para os homes de Rafa Sáez foi a reaparición, mes e medio despois, de Manu Rodríguez; e sobre todo, a aparente recuperación completa do mediocentro arlequinado da súa lesión de xeonllo, como probaría o feito de ter disputado 81 minutos de xogo sen se resentir, para acabar substituído por Carlos Torrado.

O adestrador do Arousa, Rafa Sáez, comentou onte que «a eliminación sempre disgusta, pero tampouco vai ser unha cousa que nos veña mal», dada a limitación de efectivos do equipo para a pelexa final por entrar na promoción. Sáez queda coa boa imaxe ante o Atlético Cuntis pese ao k.o.