«Estamos cos retoques para abrir o centro de día, fainos moita falta»

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

CUNTIS

EMILIO MOLDES

O rexedor vai viaxar a Madrid para seguir negociando a urbanización do polígono de A Ran

22 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Campos, o alcalde socialista de Cuntis, senta para a entrevista tras unha mañá percorrendo algunhas obras do municipio. Chega con sorriso. E o motivo ten que ver co avance que ve nalgunha infraestrutura. Concretamente, co centro de día.

-Que pasa con ese centro de día, abrirá por fin?

-Estamos cos retoques para abrilo, fainos moita falta. É unha demanda histórica. Unha das primeiras cousas que fixen cando cheguei á alcaldía foi ir visitar o responsable do consorcio para insistir con este edificio, porque non podía ser que seguira pechado cando é un servizo tan necesario. Non nos podemos esquecer de que agora mesmo temos a doce persoas de Cuntis que están viaxando todos os días a centros de día de Portas, Valga ou Caldas por carecermos nós dun centro. E tendo, aínda por riba, o edificio construído. Teño que dicir que o consorcio apoiounos. Houbo que facer moitas xestións, pero agora xa está adxudicada a atención diúrna, o mobiliario encargado e queda pintar. Penso que a principios de ano terémolo operativo.

-Tamén intenta desbloquear o polígono industrial...

-Teño agora outra reunión en Madrid e as cousas van ben. A Deputación vai reformar a estrada principal e estamos negociando para que Sepes leve a cabo a urbanización do parque e o proceso expropiador. Temos tamén compromiso cos veciños afectados, como por exemplo reformar a escola de Meira ou mellorar uns camiños en Guldrigáns.

-Eses son os grandes proxectos. Conte as obras do día a día...

-Pois agora mesmo estamos cun bo número delas, financiadas co Plan Concellos da Deputación. Por certo, teño que agradecerlle ao goberno provincial que apostara polo reparto equitativo de fondos. Oxalá outras Administracións como a Xunta fixeran o mesmo. Nós, co Plan Concellos, estamos facendo un alto número de obras de saneamento e asfaltados no rural. Igualmente, estamos apostando moi forte polo apoio enerxético, renovando a iluminación na zona rural.

-Falou da Xunta... Con quen non acaban de estar contentos é co Sergas, polo asunto da falta de pediatra, non si?

-Levamos xa corenta días sen pediatra e, aínda que entendemos que poidan faltar profesionais, non llelo podemos facer pagar aos veciños. Estou contento de que todos os partidos apoiemos esa reivindicación.

-Está gobernando sen maioría absoluta, co BNG como socio. Como foi a relación cos nacionalistas e tamén coa oposición?

-Fago unha valoración moi positiva do pacto de goberno. O BNG e nós mantivemos unha relación de lealdade institucional total e penso que os compañeiros nacionalistas tamén fixeron un bo labor nas súas áreas. En canto á oposición, non creo que houbese un mal entendemento. O feito de non ter a maioría fai que todo teña que ser negociado.

-Preparado para volver optar á alcaldía ou aínda é moi pronto para falar diso?

-Iso teñen que decidilo os militantes e os partidos. Pero estou en disposición de volver repetir como candidato ao igual que os meus compañeiros. Creo que o mandato foi bastante aproveitado, que se fixeron moitas cousas. E iso anímame a presentarme.