Manuel Campos: «Nas festas fíxose un traballo moi bo tendo en conta o presuposto»

nerea garcía PONTEVEDRA / LA VOZ

CUNTIS

emilio moldes

Actualmente o subministro de auga, os lumes e a falta de persoal no centro de saúde concentran o traballo do Concello

26 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A falta duns días para despedir o mes de agosto cómpre facer un repaso do traballo realizado nos últimos meses.

- En canto ao turismo, cales son as sensacións que a tempada estival deixa no concello?

-A verdade é que este ano foi un ano de moita xente e en Cuntis tamén se nota. Ademais do impulso do turismo termal, recibimos moita xente que ven a facer rutas ou outro tipo de visitas, especialmente na quincena das festas. Neste sentido, xa desde o 2016 conseguimos manter unha oficina de turismo permanente aberta todo o ano que da un servizo fantástico a todos os visitantes ademais de potenciar as redes sociais.

-Cal é o balance das festas patronais que se celebraron hai uns días?

-Penso que foi bo. Se cadra as festas patronais non tiveron orquestras de renome pero son festas que a xente valora moito. Todas as actividades que se organizaron en colaboración coa comisión de festas xunto coa climatoloxía axudaron a que fosen moitos os que desfrutaron das festas. Fíxose un traballo moi bo tendo en conta o presuposto co que se contaba.

-Dentro do programa, eventos como a Carreira de Rolos foron todo un éxito... repetirase o ano que ven?

-A carreira foi algo novidoso que encheu de moita xente o pobo polo que esperamos poder celebrala os próximos anos.

- Ademais das festas, o verán en Galicia está vencellado -por desgraza- aos lumes forestais que Cuntis sufriu hai menos dunha semana, como se loita desde o Concello contra este tipo de situacións?

-O lume é unha lacra e a loita por acabar cos pirómanos débese manter xa que a intencionalidade dos últimos lumes se puido ver claramente. Como medida de prevención, desde o Concello enviamos cartas ás comunidades de montes e aos veciños para que limpen as fincas e se conciencien da importancia de ter o monte limpo. Aínda así moitas veces resulta complicado ante a imposibilidade de localizar aos propietarios.

-Se o lume da problemas, a auga non queda atrás. Cal é a situación actual do subministro?

-Igual que o ano pasado, a auga nesta época é escasa. Aínda que o caudal do río segue moi baixo neste momento temos garantido o servizo e non está previsto aplicar restricións. Para iso, desde o concello impulsamos medidas de aforro de auga e pedimos á xente que fixese un consumo responsable, tendo en conta tamén que setembro adoita ser un mes máis seco. - Nesta liña, parece que Augas de Galicia finalmente atendeu a petición de limpeza do tramo urbano do río Gallo...

-Eran uns traballos moi necesarios que nalgunhas zonas non se facían desde hai once anos. Agradezo que finalmente Augas de Galicia entrase en razón e atendese á petición que todos os veciños levamos facendo tanto tempo. Polo momento o resultado está sendo moi bo.

-Por outro lado, en que situación se atopa actualmente o centro de saúde?

-Coa sanidade non se pode xogar. Non pode ser que nun pobo como Cuntis non haxa ningún médico ou que só haxa e o centro quede desatendido cando se ten que ausentar por unha urxencia. Paréceme que as autoridades sanitarias teñen que tomar medidas nese sentido.

-En canto ao emprego, que medidas se están poñendo en marcha?

-Por un lado impulsamos moito a formación cos cursos que impartimos no centro de formación ocupacional e por outro seguimos apostando polo polígono industrial dada a súa importancia á hora de xerar emprego.