Despedidas

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

CERDEDO-COTOBADE

XOÁN REY | EFE

08 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Aló vai o ano 2022. Deixádeo ir, como a troita, polo mar abaixo, e que ninguén corra detrás para pillala. Haberá para todas as opinións, pero, en conxunto, foi un ano ben cativo. No plano internacional, con catástrofes e castigos que andan todos os días na prensa, e no plano máis próximo, empezando pola traxedia do Pitanxo no mes de febreiro e rematando nesa escalada indecente de asasinatos (feminicidios) para os que resulta moi difícil atopar cualificativos, e que non cesan. Ano ruín de desigualdades, intransixencias, inxustizas varias, calamidades, buracos negros, que algúns dirán que tamén houbo en anos anteriores, e non digo que non, pero que nos últimos meses semella que se agrandan. Será que entro con mal pé e hai que cambiar o paso.

Ano de ausencias tamén. Permita o lector que poña enriba da mesa algunhas máis próximas: Antía Cal en marzo, Xulio Maside en abril, igual que Arcadio López Casanova, Domingo Villar en maio, ao día seguinte das Letras Galegas, o misioneiro Andrés Díaz de Rábago en xuño, Basilio Losada en xullo, Elixio Rivas en agosto… Dicía a miña tía Carmiña que contra as defuncións hai que falar (e celebrar) os nacementos. Lembramos aniversarios de defuntos e deberiamos celebrar os que chegan, os que estrean filmes, escriben o primeiro libro, amosan a primeira exposición, presentan o fillo (ou filla), anuncian a tese de doutoramento, abren unha nova liña de investigación, sementan un agro, plantan unha arboriña nova…

Entre as últimas ausencias hai dúas que quero salientar: Nélida Piñón, a nena de Cotobade, que nos deixou case de súpeto en Lisboa, logo de pasar brevemente polo país para visitar amigos (e asistir á entrada na RAG de María Rosa Lojo, académica de honra, igual ca ela). Marilar Aleixandre acompañouna, xunto coa doutora Karla Silva, nunha derradeira viaxe cara á Fisterra e o cabo Touriñán. Seica foi unha viaxe moi fermosa, mais algúns pensamos que, dalgunha maneira, Nélida viña para despedirse. Alá queda a aldea de Borela, e o río Almofrei, que a coñeceu na infancia e estes días alzouse de cuñas, arrepúxose, botou por fóra e asolagou as cortiñas todas, coma quen libera a furia, ou se despide, el tamén. Queda A república dos soños para recordala.

A outra ausencia é a do mestre Roxelio Groba. Foise apagando paseniñamente e finou o pasado 31 de decembro, derradeira noite do ano, na cidade da Coruña, onde ultimamente residía e onde viviu longas etapas da súa vida. Deixa o mundo cheo de música. Na miña casa conservo a partitura dun réquiem (Samaín) que tivo o cariño de dedicarnos unha tarde á miña muller e a min. Recomendo o libro de conversas que no seu día preparou Manrique Fernández (Diábolus in música. Conversas con Roxelio Groba. Galaxia, 2011). Inclúe un cedé cunha mostra representativa da súa produción: ambiciosa, xenerosa, amplísima.