Da igrexa móbil

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

CERDEDO-COTOBADE

MARTINA MISER

O autor volve sobre as semallanzas evidentes do templo de San Martiño do Grove e Santiago de Loureiro

10 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño que rectificar e ampliar: Hai pouco titulei esta columna «Da igrexa do revés» e falaba dos canteiros Manuel Antonio e Lourenzo Sarrapio, de Santiago de Loureiro, Cotobade. Otero Pedrayo di na Guía de Galicia que os canteiros de Cotobade alcanzaron sona continental: obraron en Ferrol e Cádiz, chegaron con picos, macetas e ciceis ata Polonia e «dinastías enteiras deles traballaron en París». Eses Sarrapio, ou Serrapio, edificaron a actual igrexa de San Vicente dos Groves nun tempo récord segundo os papeis: de febreiro a outubro de 1771. Dicíalles que armaran a fachada de San Vicente idéntica á da súa freguesía. Rectifico. A fachada resulta idéntica, si, pero a imitada é a de San Vicente. O erro naceu de ler que a fermosa igrexa cotobadense era do século XVI, e será así, pero fachada e torre son do XVIII, de entre 1777 e 1779. Cóntanolo Antón Fraguas, nacido en Loureiro, nun estudio co título «Apuntes sobre la Iglesia de Santiago de Loureiro». Sen consultar o Libro de Fábrica, confírmanos Antón Fraguas que foi Manuel Antonio Sarrapio quen «más carácter le imprime a esta iglesia dejando el conjunto tal como llegó a nosotros». Por iso: orixinal, a de San Vicente (1771) e, despois a de Loureiro porque o autor das dúas quedou garboso da dos Groves. Este mestre pertencía a unha saga de canteiros: contratou San Vicente co seu tío Lourenzo, mestre tallista, autor da capela de San Telmo de Tui ou da impresionante Santa María de Entrimo; Pedro Sarrapio, mestre de arquitectura, construíu Santa María Nai de Ourense, por oitenta mil reais de vellón e puxo como fiador a seu irmán Lourenzo por se falecía; Alberte Sarrapio, mestre de cantería, traballou na capela de San Isidro de Montes; e o seu irmán, o propio Manuel Antonio Sarrapio García, nacido o 6 de marzo de 1729, fillo de Francisco O Mozo e de Alberta, mestre de cantería e arquitectura, formou a igrexa de San Vicente e anovou a de Santiago de Loureiro. Emparentaron coa outra gran estirpe de canteiros de Cotobade: os Monteagudo. Así que Manuel Antonio e Lourenzo foron os que levantaron San Vicente, no prezo da cuarta parte da catedral de Ourense e o primeiro restaurou despois Loureiro de Cotobade.

Contaba eu tamén que a de San Vicente reedificárase, milagre por medio, no lugar actual contra a vontade veciñal que a prefería equidistante das aldeas. A realidade cadra máis con que se quería pór a carón da Casa Reitoral, que hoxe estase a reconstruír e que se erguera vinte e seis anos antes do traslado do templo desde Adro Vello. Temos de testemuña ao Padre Sarmiento, que pensaba que os Castriños, Grande e Pequeno, eran o Orobium de Ptolomeo e que visitou a igrexa vella no 1755: «Conócese que el mar de La Lanzada se avanzó, pues la iglesia de San Vicente do Grove está a la orilla del mar bravo, cerca del promontorio y allí no ay casas. Por el mismo año de 745 se fabricó muy tierra adentro la casa del cura; y en este año de 755 se piensa trasladar al mismo sitio la iglesia parroquial». Fíxose dezaseis anos máis tarde, pero removeuse. Pois así queda, rectificado, ampliado, pero non completo!