«Na comarca houbo un incremento da actividade incendiaria intencionada»

O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, afirma que a rápida reacción fai que a superficie queimada sexa menor este ano


pontevedra / la voz

Os lumes forestais das últimas semanas alarman en varios puntos da provincia pontevedresa, sobre todo en Cerdedo-Cotobade e Cuntis.

-Como está sendo este verán en Pontevedra?

-Cos datos provisionais do que levamos de ano na man, constatamos que a media do número de lumes nesta comarca incrementouse nesta campaña a respecto da anterior, pero ao mesmo tempo a superficie afectada descendeu. Isto indica a que a maior parte dos incendios que se declaran son atallados con rapidez, grazas á eficacia e profesionalidade do persoal do servizo antiincendios. Esta tendencia apréciase especialmente en Cerdedo-Cotobade. Así, neste municipio houbo lumes reiterados, en diversos puntos simultaneamente, o que amosa a clara intencionalidade. Polo tanto, apreciamos, especialmente nos últimos días, un incremento da actividade incendiaria nalgúns concellos da contorna, caso do mencionado de Cerdedo-Cotobade. Isto é algo que loxicamente nos preocupa e nos ocupa, polo que estamos a redobrar os esforzos, xunto coas forzas e corpos de seguridade do Estado, e co propio Exército, para atallala.

-É un fenómeno novo ou é o habitual nestes dous concellos?

-Ningún dos dous ten parroquias cualificadas como de alto risco de incendio (PAAI), que se decretan ou ben polo elevado número de lumes ou ben pola súa virulencia, pero non é unha novidade detectar neles actividade incendiaria. É por iso que estamos moi pendentes do ocorrido nos últimos tempos, e, como digo, reforzamos a vixilancia e control nesta área, tendo en conta eses lumes recorrentes. Cómpre lembrar que contamos con cámaras de vixilancia, drons e outros medios tecnolóxicos que reforzan o gran traballo que desenvolve tanto o persoal da propia Xunta como das forzas e corpos de seguridade do Estado. Vixiamos por terra e por aire as condutas incendiarias, e con estes aparellos somos quen de gravar movementos de persoas e matrículas.

-Cantos lumes e conatos teñen cuantificados?

-O balance definitivo de incendios non se fai ata que remata a campaña de alto risco, pero, como dixen, coas cifras provisionais do que vai de ano nesta comarca podemos afirmar que houbo un incremento da actividade incendiaria intencionada, pero que ao tempo a superficie afectada diminuíu sensiblemente.

-Hai algún «modus operandi»?

-A súa forma de actuar, en xeral, vai na liña de poñer as cousas o máis difíciles posibles para non seren localizados e postos a disposición xudicial. Así, falamos moitas veces de lumes nocturnos, rexistrados cando os medios aéreos non poden actuar, e mesmo con varios focos simultáneos. Adoitan ter a súa orixe en lugares de acceso complicado, o que indica un bo coñecemento do terreo por parte dos infractores. Ademais, habitualmente son áreas favorables á rápida propagación do lume, como zonas en pendente, moitas veces a pé de pista e ao longo destas en distintos puntos de lume.

-Viron obxectos incendiarios? 

-Dentro das liñas de investigación abertas, de forma coherente coa causalidade incendiaria, non é raro atopar este tipo de artefactos. En calquera caso, estanse investigando tanto as causas como as circunstancias concretas de cada lume. Haberá que agardar resultados destes traballos.

-Hai algún detido?

-As investigacións dos lumes están en marcha, para localizar os responsables. Polo demais, estase a facer unha vixilancia exhaustiva co fin de dar co autor ou autores. Cómpre lembrar que todos e cada un dos lumes que se rexistran son investigados, para determinar as súas causas, tanto con fins de control da actividade incendiaria como para mellorar a resposta dos efectivos antiincendios. En todo caso, as actuacións para poder identificar os responsables son sempre froito da colaboración entre os axentes das Brigadas de Investigación de Incendios Forestais (BIIF) coa Policía Autonómica, a Policía Nacional, a Garda Civil e as demais forzas e corpos de seguridade do Estado. Neste sentido, faise especial fincapé naquelas zonas con maior actividade incendiaria, con seguimentos personalizados, vixilancia e reforzo das medidas de disuasión, e tamén cunha maior presenza dos efectivos sobre o territorio, en función de como se active esa actividade delituosa.

-Por que hai xente que lle prende lume ao monte? Hai algún grupo organizado na provincia?

-A casuística dos incendios é moi variada. En todo caso, de acordo cos informes técnicos tres de cada catro lumes que se rexistran en Galicia son intencionados. Constatamos que cando se dan as circunstancias favorables para prender lume (calor e vento, fundamentalmente) os incendiarios actúan. As evidencias así o confirman. Pero, como digo, as causas varían moito en función das diferentes zonas do territorio galego. Por outra banda, non temos constancia da existencia de grupos organizados, pero si sabemos que a figura do incendiario está moi vinculada á súa contorna vital, cunha relación moi próxima, estreita, co territorio no que reside ou desenvolve a súa actividade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Na comarca houbo un incremento da actividade incendiaria intencionada»