Unha loita a peito descuberto contra os cabalos

Leva dende que naceu rodeado de equinos e con 15 anos saíu por primeira vez ao curro de Amil

.

Moraña / La voz

En Amil non hai aloitadores, senón apeitadores e á rapa chamáselle baixa, por iso de baixar os cabalos do monte ao curro a través do pobo. ¿E o de apeitador? Parece ser que deriva do feito de acceder ao curro a peito, sen máis axuda que o corpo. Isto é, a peito descuberto.

Sentadas estas dúas premisas, dende que cumpriu quince anos e agora ten 27, Anxo Calvo será un dos apeitadores que este sábado amosara a súa pericia na Baixa das Bestas de Amil.

Anxo mantén vivo o recordo de como foi a súa primeira vez: «Cando es pequeno non te deixan entrar no curro, logo empezas sacando aos poldros e xa cando es un pouquiño máis grande, aos 15 anos, e cando te empezan a deixar montar. Recordo que tiña moitos nervios e pensando sempre en non caerme, pero, ao mesmo tempo, escoitando o que me dicían os que sabían. E sempre facendo o que che ían dicindo para tratar de non levar un golpe».

Co tempo comprobou que o de levar un golpe o unha zoupada é inevitable cando un se ten que enfrontar a un centenar de cabalos salvaxes para cortarlles as crinas. «Caídas sempre imos ter, pero non tiven que lamentar ningún dano importante. Mazaduras moitas ao final do día, pero feridas de importancia, ningunha».

¿E que sinte un cando se atopa no medio das bestas agardando o momento de tratar de domar a unha delas? «Moita adrenalina. Ao principio vas con nervios, pero dende o momento que sacas o primeiro poldro é unha descarga de adrenalina constante». É tal, que Anxo recoñece que nin se percata da presenza do público: «So estás pendente dos cabalos e dos que estamos alí, e pensando en cal coller. Estás centrado no que che gusta e non estás ao tanto máis que da xente que tes ao lado».

Descendente dunha longa saga de veciños de Amil, aínda que el na actualidade vive en Tenorio (Cerdedo-Cotobade), vinculados con mundo do cabalo, Anxo Calvo sempre estivo rodeada de equinos. «Que eu recorde dende o meu avó na casa sempre tivemos cabalos. Ademais, o meu pais estivo involucrado no da rapa e despois duns anos fíxose presidente da asociación, polo que dende pequeno sempre andei metido no medio do meollo. Non me quedou outra», apunta.

En Amil, á baixa enraíza a súa historia cos tempos pasados nos que a intención non era máis que domar os cabalos para que puideran traballar nas labores agrícolas no campo.

Anxo Calvo recorda cando no curro de Amil lograban reunir ata catrocentas cabezas, una cifra moi alonxada das pouco máis de cen que reuniron nos últimos días para a cita desta fin de semana. «Entre as baixas do lobo e que a xente foi abandonando, cada vez temos menos cabalos no monte. Ademais, hai que ver as trabas que pon a Xunta co tema do microchip e que moitas comunidades esixen que os retiremos dos seus montes. Entre unhas cousas e outras, cada vez vai a menos», lamenta Anxo Calvo, quen deixa claro que o de Amil non é un caso aillado, xa que é unha situación que se estaría a reproducir noutros curros da comunidade autónoma.

Na súa opinión, a solución pasaría polo dialogo e chegar a un acordo con entre a Administración, as asociacións cabalares e as comunidades montes para alcanzar acordos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Unha loita a peito descuberto contra os cabalos