«O petote axuda a baixar as graxas do cocido»

Alfredo López Penide
López Penide CERDEDO-COTOBADE / LA VOZ

CERDEDO-COTOBADE

emilio moldes

Carballedo celebra a festa de exaltación deste centenario manxar: «Os meus antergos xa o facían»

11 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cualificada polo deputado provincial de Turismo Santos Héctor como a cociñeira que «mellor prepara este prato tan singular», Carmen A de Perdiz é unha das impulsoras da Festa do Petote, que esta mañá alcanza a súa novena edición en Carballedo.

-Pero, ¿que é o petote?

-É un bolo feito con fariña de millo e de centeo, sal e auga. A auga sempre coa que se fai o petote é da que se aproveita de cocer a carne do cocido. Logo o bolo ponse a cocer na auga dos chourizos durante uns quince ou vinte minutos, depende do grande que sexa o petote.

-En Cerdedo-Cotobade é un elemento máis do cocido...

-Claro. Acompaña á verdura, á pataca, á carne, aos chourizos... Realmente, non sabería explicar moi ben o sabor que ten. Ten un sabor a fariña cocida e está moi bo. Ao día seguinte de ser cociñado, moita xente o fai frito na tixola con chourizo ou con ovos. E está moi rico.

-¿Sabe como xurdiu a receita?

-A verdade é que non, porque é moi antiga. Os meus antergos xa a facían... Ven de tempos de moi, moi atrás.

-¿E vostede de quen a recibiu?

-Da miña nai. Pero son unha persoa máis das que o fan, pero hai moita xente no concello que o sabe facer moi ben. O levo facendo dende hai quince anos ou así.

-¿De que maneira animaría á xente que nunca o probou para que veña hoxe á Festa de Petote?

-Teñen que animarse a probalo e se lles gusta aprender a facelo para logo cociñalo nas súas casas ao tempo que fan o cocido.

-Ademais, polo que dixo o alcalde, Jorge Cubela, é bo para dixerir as graxas do propio cocido.

-Efectivamente. Polas fariñas axuda a baixar as graxas.