Xosé Fortes dedica unha ollada reflexiva ao abandono do rural

La Voz

CERDEDO-COTOBADE

emilio moldes

22 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Sen o afondamento enciclopédico que supuxo a súa anterior obra Terras de Cotobade, Xosé Fortes Bouzán dedica unha nova mirada a súa terra natal no libro Cotobade. Claves dunha historia rural, presentado onte na Casa do Concello desta localidade. Como el mesmo di, «é unha mirada limpa desde as alturas, ás que se ascende desde a documentación, senón non se ve nada».

O motivo desta ollada ao pasado é provocar en todos os cotobadeses e nas xentes do rural en xeral «unha reflexión colectiva que axude a albiscar vieiros de futuro para este mundo que está en risco de converterse en paisaxe despoblada». E subliña Fortes que se non resolvemos este problema, «perderemos unha importante parte da nosa identidade», convencido de que en todos nós se atopa un campesiño.

O escritor e historiador pretende que este libro sexa tamén «unha aldrabada ós poderes públicos para que poñan no número un da súa axenda a crise do mundo rural», e se poñan a estudar as medidas precisas para solucionala. «O abandono do rural é como un tsunami silencioso, asolagado non polo mar, senón pola xente».

No libro repasa as distintas etapas da historia cotobadesa: os escuros tempos prehistóricos e a pegada da romanización; o Cotobade medieval; o xurdimento das parroquias; a chegada do millo; a emigración; a Restauración , a chegada da República e o Estatuto do 36 Re; a Guerra Civil; o franquismo e o ocaso da cultura agraria.

Fortes destaca como o maior erro do poder, a política forestal, que acabou co gando miudo, con boa parte da cabana vacún e coa economía agraria. «Foi o comezo do fin. E temos que poñerlle remedio. Este libro non ten outra finalidade», dixo onte na presentación.

Escrito cunha linguaxe sinxela e nada historicista, alonxada dos datos históricos, ao autor, que foi profesor, gustaríalle que fose lido polos alumnos de secundaria e bacharelato e tamén polos maiores enraizados na cultura rural.