«Acordo de ir ao monte co meu avó para baixar as nosas bestas e había un montón de cabalos»

Alfredo López Penide
López Penide CAMPO LAMEIRO / LA VOZ

CAMPO LAMEIRO

Ramón Leiro

Yoli Fentanes e Nerea Abal organizan este sábado a Xuntanza Cabalar de Campo Lameiro

14 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Recoñece que, de primeiras, pode estrañar atopar a dúas mulleres ao fronte da loxística dunha xuntanza cabalar como a que se desenvolverá este sábado en Campo Lameiro, pero considera que no seu caso concreto foi un paso natural. «Nacín nunha casa na que sempre houbo cabalos, sempre me gustaron e ao meu home tamén, e así seguimos», remarca Yoli Fentanes, quen, xunto con Nerea Abal, organiza a cita de mañá dos Cabaleiros de Campo Lameiro.

«Lévase facendo seis anos, non consecutivos, pero esta é a sexta ruta», destaca engadindo que, como novidade, a ruta desenvolverase por primeira vez pola tarde. Cunha extensión duns vinte quilómetros, é un itinerario circular con saída e chegada en San Antonio de Penalba habilitándose un pincho na metade do camiño. Ademais, e como remate, cea de confraternización servida polo cátering Fuchela e amenizada por Disco Móvil Lagarto.

Ramón Leiro

Botando á vista ao pasado, Yoli Fentanes lembra como a primeira xuntanza foi organizada por «dous chicos e mais unha chica, logo houbo un parón dun ano, e no 2018 unha compañeira e máis eu dixemos de seguir con ela... E aquí estamos». Daquela primeira edición, recorda que estivo marcada pola choiva.

Esta veciña de Campo Lameiro remarca o feito de que «estamos nunha zona onde hai bastantes cabalos, onde hai xente á que lle gustan os paseos a cabalo», polo que estima que neste concello pontevedrés poden ser unha vintena de cabaleiros. Trátase dunha cifra que se multiplica ata por sete cando chega a xuntanza coa presenza de afeccionados doutros concellos da contorna, o que explica que na edición do 2021 xuntáranse cerca de 150 cabalos.

Ramón Leiro

A rapa

«É un sentimento moi bonito porque é unha conexión que tes cos cabalos que se non tes un cabalo, non o entendes. Son moi nobres, a presenza deles é incrible e en Galicia os cabalos salvaxes son o primordial», destaca Yoli Fentanes, ao tempo que lamenta que parece que moita xente esquece a súa importancia e só parece acordarse deles cando é o tempo da rapa. «Antes había moitos cabalos... Acórdome de ir ao monte co meu avó para baixar as nosas bestas e había un montón de cabalos», sinala, antes de apuntar que «os da cidade veñen a mirar o espectáculo que se fai ese día —o da rapa—, pero non saben o traballo que hai detrás. Tendo cabalos na casa levas un bo traballo».

No seu caso concreto, é propietaria de quince cabalos e «é un traballo, pero, iso si, moi satisfactorio», conclúe.