Os petróglifos como fonte de inspiración artística

CAMPO LAMEIRO

Ata finais de setembro pode visitarse no PAAR de Campo Lameiro a exposición «Espirais no tempo»

30 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sendo os petróglifos a súa fonte de inspiración nada mellor que expor na capital galega da arte rupestre. Ata o 30 de setembro o centro de interpretación do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro exhibe a mostra Espirais no tempo, unha exposición temporal creada polo alumnado de técnicas escultóricas da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, de Santiago de Compostela.

Os participantes nesta mostra conxunta levan traballando nas súas respectivas obras dende Natal, de tal feito que o visitante poderase encontrar pezas firmadas individualmente e outras xurdidas do imaxinario colectivo. Os traballos amosan una gran variedade de técnicas e materiais artísticos, dende a cerámica ou a madeira ata o ferro, o xeso ou a resina. E, incluso, o pan de ouro.

Con esta iniciativa, o PAAR, ademais de poñer en valor unha nova visión da arte rupestre, comprometese coas novas xeracións de artistas galegos ofrecéndolles unha oportunidade para amosar as súas creacións.

Neste sentido, Óscar Aldonza, docente da Mestre Mateo, incidiu en que «é moi positivo crear sinerxías como esta porque o máis importante dos ciclos profesionais é darlle a entender aos seus alumnos que o que realizan, día a día, ten tamén unha aplicación no exterior». De este modo, evítase que a escola poida «acabar funcionando como algo endogámico», polo que «exposicións como esta permítelle ao alumnado achegarse á realidade profesional que van vivir nun futuro», máis ou menos, inmediato.

Aldonza, en todo caso, non quixo obviar a importancia da arte rupestre como fonte de inspiración para artistas contemporáneos: «O petróglifo é algo moi atractivo visualmente, tendo ese punto intermedio entre o abstracto e o figurativo que permite aos rapaces tirar polo terreo que máis lles apetece, xa sexa o figurativo ou o persoal». A este respecto, o docente da Mestre Mateo matizou que «intentamos que o alumnado entendera que o petróglifo pode ser un tema de inspiración artística como calquera outro».

A visita a esta exposición temporal está incluída coa entrada de acceso ao Parque Arqueolóxico