«Terei que facer números para compaxinar ser panadeiro»

Alfredo López Penide
López Penide CAMPO LAMEIRO / LA VOZ

CAMPO LAMEIRO

Ramón Leiro

O centro de estancia e a conexión da A-57 co polígono, obxectivos prioritarios se revalida a alcaldía para o PP

31 ene 2019 . Actualizado a las 08:00 h.

Tras dezaseis anos como tenente de alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa Domínguez asume como algo natural a súa designación como candidato do PP á alcaldía tras a decisión de Julio Sayáns de non presentarse ás municipais. «Os compañeiros quixeron que fora eu e animáronme», explica, ao tempo que remarca que afronta a carreira electoral «con moita ilusión, pero sabendo que é algo moi complicado. Julio Sayáns é un referente municipal, un home que leva nove eleccións e gañou as nove, substituílo vai ser complicadísimo».

-En todo caso, ¿non é vostede un novato nestas lides?

-Non, novato non son, pero é distinto ser alcalde que ser concelleiro. Penso que cambia moito o conto, pero imos intentar facer todo ben.

-No suposto de que gañe as eleccións de maio, ¿cales son os seus obxectivos prioritarios?

-O primeiro é poñer a funcionar o centro de estancia, que están empezando a facerse as obras. Logo teremos que loitar con proxecto da circunvalación de Pontevedra para que nos fagan una mellor estrada dende a A-57 ata o polígono, xa que iso dará moito xogo a Campo Lameiro. De momento, non temos o programa feito, pero isto é o principal que temos que facer.

-Julio Sayáns na entrevista que se publicou onte dicía que non era quen de facer unha valoración da súa traxectoria, que a terían que facer os veciños. ¿A pode facer vostede?

-Home, moi positivamente. E como proba, todo o que fixo. Estamos a falar dun concello pequeno que ten de todo... Dispón dun carpo de herba sintética que foi dos primeiros que se fixeron na provincia, un pavillón cun ximnasio dun gran nivel, reformou todo o concello, o polígono, o parque arqueolóxico polo que loitou moitísimo, as infraestruturas... Penso que Campo Lameiro está moi ben e todo débese a el.

-É panadeiro de profesión, un oficio cuns horarios complicados. ¿Será doado compatibilizalo coa alcaldía si sae elixido?

-Terei que facer números para compaxinalo todo. Vaime ser complicado, pero vamos intentalo.

-Julio Sayáns defínelle como «unha extraordinaria persoa», ¿comparte esta apreciación?

-(risas) Penso que si, pero para gustos... Haberá xente que non opine así, pero eu estoulle agradecido que pense así.