A enciclopedia dos tempos de esplendor de Campo Lameiro

Alfredo López Penide
López Penide CAMPO LAMEIRO / LA VOZ

CAMPO LAMEIRO

O que fora presidente do equipo de fútbol faleceu aos 80 anos de idade

27 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa súa morte aos 80 años de idade, Campo Lameiro perdeu a quen, en palabras de Jesús García Ameijeiras, actual presidente do club de fútbol local, «en certa forma, era unha enciclopedia dos tempos de esplendor da vila». Adolfo Caeiro López foi enterrado onte no camposanto parroquial de San Miguel.

O fundador e propietario do emblemático restaurante Casa Tito foi testemuña da época dourada deste concello pontevedrés. A fin de contas, «nos anos corenta e cincuenta, Campo Lameiro era o concello de referencia da comarca e, de feito, era moito máis importante que Moraña».

En 1975, Adolfo Caeiro fundou Casa Tito, un local que co paso do tempo terminaríase a converter nun dos principais epicentros gastronómicos desta comarca. Trinta e catro anos despois, no 2009, o negocio sufriu todo un lavado de cara e rehabilitación para integrarse na Rede de Comercio Rural Galego.

Entre unha data e outra, Adolfo Caeiro, ou Tito Caeiro como o coñecían, presidiu durante una corta tempada, a principios dos noventa, o Campo Lameiro CD. Este domingo, segundo anunciou García Ameijeiras, gardarase un minuto de silencio no campo da Chanciña antes do encontro contra o Porriño Industrial en homenaxe a quen «sempre tiña algunha historia, aventura ou anécdota coa que sorprenderche».