Manuel Fariña, candidato do BNG en Caldas: «Temos que deixar de ser unha simple parada do Camiño para converternos en referencia»

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral CALDAS / LA VOZ

CALDAS DE REIS

Manuel Fariña, candidato do BNG á alcaldía de Caldas de Reis, na antiga Fábrica da Luz de Segade
Manuel Fariña, candidato do BNG á alcaldía de Caldas de Reis, na antiga Fábrica da Luz de Segade RAMÓN LEIRO

O cabeza de lista aspira a duplicar a súa representación no Concello e a liderar un novo goberno

21 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Fariña Souto (Caldas de Reis, 1989), profesor de Música, é por segunda vez o candidato do BNG á alcaldía de Caldas de Reis. É o máis novo dos tres.

—No 2019, na súa estrea como candidato, pasou dun edil a dous. Sendo realista, a que aspira o 28 de maio?

—Nesta ocasión, vendo o escenario que temos en Caldas, aspiramos a duplicar outra vez representación municipal. Somos con diferenza, penso, a forza que máis vai medrar nestas eleccións municipais e aspiramos a iso, a duplicala representación que temos.

—Iso sería obter catro concelleiros de trece. O PP di que o candidato do PSOE está en retirada e co proxecto esgotado. Compárteo?

—É unha visión que nos teñen que dar os veciños o 28 de maio. A todas luces o candidato do PSOE é un alcalde en retirada que nos últimos anos vese que non ten nin proxecto nin unha idea de futuro para Caldas. Vai facendo actuacións ao tran tran como polo sen cabeza.

—Hai catro anos non houbo maioría absoluta e tras, unhas negociacións entre o PSOE e o BNG, vostedes decidiron non entrar no goberno. Pero logo foron moi críticos. ¿Lamentan non ter entrado?

—Para poder entrar nun goberno municipal hai que confiar no que será o alcalde e no goberno. E nós vemos e viamos un PSOE no que non se pode confiar. Deste xeito, nós asinamos un acordo con PSOE para aprobar os orzamentos do 2020, e é un acordo que practicamente está sen cumprir ao 90 %. O rural está completamente abandonado, non se avanzou no saneamento. Co tema do centro de saúde o goberno municipal foi terriblemente lento na tramitación administrativa e é algo que desbloqueamos nós propoñendo os terreos de Santa María. Vemos que é un goberno no que non se pode confiar e que está en retirada. Non nos arrepentimos en absoluto e seguiremos traballando para liderar nós o futuro goberno municipal.

—Diga tres ideas ou actuacións prioritarias para o BNG.

—Vouche dar unha idea principal para afrontar este reto que quere liderar o BNG: facer de Caldas un concello no que se poida traballar e no que dea gusto vivir. Que deixe de ser unha simple parada do Camiño de Santiago para converterse en referencia. Nós temos proxectos ambiciosos para camiñar neste sentido. Un fundamental para o futuro de Caldas é recuperar a Fábrica da Luz. Temos un tesouro que non estamos sabendo aproveitar. Eu vou alí, camiño todos os días pola beira do Umia cara a Fábrica da Luz, e temos os sendeiros abandonados e temos unha fervenza que é máis espectacular que a de Barosa. Ten unhas instalacións que podemos recuperar como zona gastronómica, unha parede para facer deportes de aventura, barranquismo, escalada, tirolina. Temos posibilidades de crear alí na parte baixa unhas piscinas naturais e unha zona de baño impresionante. Este entorno hai que recuperalo e non prometelo como fixo o PSOE.

—Con 33 anos é de longo o candidato máis novo dos tres. Vaille dar máis votos dese sector de poboación desencantado coa política?

—Creo que o BNG é unha marca á alza, temos moito tirón entre a xuventude, pero creo que o me vai axudar non é a xuventude, é a seriedade e as ganas e ilusión por facer de Caldas un concello no que se poida traballar e dea gusto vivir. Esa ilusión e optimismo é o que está impulsando o BNG á alza.

—Cal sería a súa primeira medida?

—Unha das primeiras actuacións é abrir as pozas da Tafona, é incomprensible que estean pechadas hoxe en día. Amais diso temos un proxecto de pequenas actuacións de mantemento urbano e do rural. Son máis de 500 actuacións, moi pequeniñas que dependen máis da vontade política que do financiamento. O mantemento do espazo público e dos equipamentos, parques infantís, bancos... Están abandonados. Hai catro anos denominámolo, Caldas chapa e pintura. Serán as dúas primeiras cousas.

—Houbo dous temas nos que o BNG foi belixerante, a sanidade e o Umia. Seguirano sendo?

—Efectivamente. Con respecto á sanidade, hai catro anos propuxemos unha alternativa viable para o centro de saúde. O alcalde dicía que esa ubicación xa fora proposta e reixetada polo Sergas e viuse que non era así. Non souberon dar para adiante a tramitación administrativa e Barro adiantounos e xa teñen o convenio firmado. No tema do Umia nós queremos recuperar o Umia completamente, o cauce natural e poder recuperar todos os espazos urbanos de uso social, como a praia detrás do Concello, o malecón, os choróns e incluso o escenario do Umia para as festas patronais.