Caldas activará no 2021 un plan de continxencia para apoiar ao comercio e á hostalería

La Voz CALDAS / LA VOZ

CALDAS DE REIS

Protesta de hostaleiros e comerciantes de Caldas que tivo lugar o pasado 12 de novembro
Protesta de hostaleiros e comerciantes de Caldas que tivo lugar o pasado 12 de novembro CAPOTILLO

O goberno local e a asociación do sector reuníronse este xoves para avanzar en diferentes iniciativas

19 nov 2020 . Actualizado a las 19:55 h.

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey (PSOE), e o concelleiro de Comercio, Jacobo Pérez, mantiveron este xoves unha reunión de traballo coa Asociación da Hostalaría de Caldas de Reis na que se valorou a situación actual que atravesa o sector en relación á crise sanitaria e se avanzaron propostas de colaboración e medidas de reactivación. Dende o colectivo acolleron «moi positivamente» as rebaixas e as exencións de taxas aplicadas por parte do Concello para o próximo exercicio, en especial, a relativa ás terrazas que vai parella á posibilidade que se ofrece para a súa ampliación sen custe adicional.

Na xuntanza avanzouse no contido dun convenio de colaboración encamiñado ao establecemento de accións promocionais e de dinamización que xeren un novo pulo nuns sectores moi castigados pola situación sanitaria. No marco das accións conxuntas iniciouse xa a elaboración do Plan de Continxencia para o Apoio ao Comercio e á Hostalaría de Caldas de Reis no marco da crise da covid-19, que foi aprobado en pleno. O proxecto está sendo redactado pola consultora H4 Soluciones e prevese a súa finalización para finais de mes.

O documento estratéxico marcará dúas liñas diferenciadas e específicas para o comercio e a hostalaría, ambas coa finalidade de aliviar as consecuencias económicas xeradas pola pandemia. As accións irán destinadas á promoción e á reactivación dos sectores con propostas destinadas tanto ao público local como a visitantes e turistas. Así, contémplanse iniciativas como a posta en marcha de ferramentas tecnolóxicas e dixitais para a promoción e venda online ou o desenvolvemento de accións de potenciación, tanto de carácter publicitario como a través da organización de actividades lúdicas, etc. O Plan de Continxencia tamén valorará estratexias de posicionamento para a hostalaría local, ademais de múltiples iniciativas promocionais para público local e viaxeiros.

O alcalde cualificou o encontro como «moi satisfactorio» e puxo de relevo «o entendemento mutuo, a altura de miras e o afán de colaboración mostrado pola hostalaría». O rexedor sinalou que «dende o Goberno municipal temos unha absoluta empatía con comerciantes e hostaleiros, porque son dous dos colectivos que máis están sufrindo a crise». «Porén», engadiu, «estamos comprometidos en seguir traballando na súa reactivación porque son sectores cuxa boa saúde é fundamental para manter un tecido económico e laboral puxante».