Carta ao presidente da Xunta de Galicia


Sr. presidente, como responsable máximo do executivo galego debemos pedirlle que interveña para dar solución á catastrófica situación do río Umia e do seu entorno, por mor dunhas obras que lonxe de estar xustificadas por un interese xeral, supoñen un perigo para a saúde das persoas e unha amenaza para a supervivencia de especies protexidas, e mesmo endémicas, da fauna e flora da zona. Patrimonio natural que ese goberno ten a obriga de protexer e defender e así o recollen as leis galegas, estatais, europeas e diversos convenios internacionais.

Certamente non era Vostede presidente cando se aprobaron, executaron e inauguraron as obras do encoro de A Baxe, proxecto que foi denunciado por este colectivo de veciñas e veciños dos concellos de Caldas, Cuntis e Moraña por estar plagado de irregularidades de todo tipo (fraude na motivación das obras, sentenzas do TSXG e o Supremo, que declararon “el Decreto está huérfano de motivación (sic)”; estudo de impacto ambiental referido á construcción dun encoro en Puebla de Guzmán, Huelva; falta de estudios xeolóxicos e xeotécnicos, falta de expediente de expropiación conforme á lei..., etc.), pero, pasados 20 anos daquel 17 de abril de 1998 en que o contorno do Umia comezou a ser arrasado pola maquinaria de Dragados, os feitos déronnos a razón e todos podemos comprobar os seus gravísimos efectos. Por iso é agora neste momento e é ese goberno o que ten que acordar as medidas necesarias para restaurar o dano causado, alomenos no que se refire á recuperaración do río, xa que non resulta posible para as persoas ás que se perseguiu inxustamente e/ou se lle arrebataron as súas terras para poñelas ao servizo dunha empresa privada, entendendo o río como un negocio.

No ano 1998, en documentos oficiais, a Xunta dicía que “..... El embalse permitirá el desarrollo de zonas de esparcimiento y residenciales de ribera (...)... la utilización para el baño (...) la calidad de las augas del rio Umia es buena o muy buena ...". Agora a auga é tóxica, boa proba diso e que a propia xefatura territorial da Xunta recomenda aos veciños e veciñas que non se bañen no río e a auga ten que ser tratada con especiais e costosos tratamentos.

Tamén dixo que o encoro era para abastecer de auga ao Salnés e agora xa constatamos que a única finalidade era o aproveitamento hidroeléctrico, privando a miles de persoas do seu dereito a ter un río vivo, coa calidade de auga boa ou moi boa (como dicía a propia Xunta antes do encoro) e a disfrutar dun entorno natural sano e fermoso herdado dos nosos antergos.

Por todo o exposto, solicitamoslle respectuosamente que reciba a unha representación deste colectivo de veciños e veciñas que loitaron para impedir unha obra que se demostrou contraria aos intereses xerais e carente de calquera utilidade pública, a fin de facerlle entrega de documentos que deixan en evidencia a actuación desa administración no proxecto e que deben de servir de base para a reversión da concesión hidroeléctrica.

Sabemos que non ten a obriga legal de recibirnos pero sen dúbida sí ten unha obriga moral, porque os que asinamos este escrito, xunto con moitos máis, fomos testemuñas directas da xestación e consumación do atentado ecolóxico perpetrado no Umia, e que os grandes intereses económicos non conseguiron silenciar porque nos asiste unha razón fundamental: o dereito a protexer o que é de todos e todas, a nosa saúde e os recursos naturais, que debemos entregar ás futuras xeracións, alomenos, como os recibimos.

Non manteremos reunións con outra persoa ou cargo que non sexa Vostede, nomeadamente co xefe territorial en Pontevedra, por ter sido no seu momento un destacado defensor do proxecto.

Confiando en ter unha resposta positiva a esta petición saudámolo atentamente.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Carta ao presidente da Xunta de Galicia