O Encontro-Degustación do Millo Corvo de Bueu retorna á aldea de Meiro do 10 ao 12 de abril
BUEU
Na Ecotaberna poderanse degustar pratos elaborados con millo corvo durante o sábado e o domingo
01 abr 2026 . Actualizado a las 16:47 h.«A festa volve á aldea, que é o lugar natural no que naceu, despois da experiencia do ano pasado no centro de Bueu». Con estas palabras o alcalde de Bueu, Félix Juncal, confirmou este mércores que o vinte e seis Encontro-Degustación do Millo Corvo retornará, entre o 10 e 12 de abril, á contorna da Casa da Aldea de Meiro. Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, o rexedor municipal resaltou que esta cita «é un proxecto etnográfico que pon en valor os produtos saudables da terra e potencia o seu consumo».
Neste sentido, Victoria Martínez, presidenta da Asociación Cultural de Meiro, reivindicou que «o espazo desta festa é a aldea, posto que o millo corvo cultívase nas leiras, gárdase nos hórreos e móese nos Muíños do Canudo».
A programación
A programación desta edición arrancará o 10 de abril cunhas xornadas educativas no IES Johan Carballeira, así como se desenvolverá unha muiñada nos Muíños do Canudo, nos que se poderá «ver como se moía tradicionalmente ademais de gozar dunha contorna privilexiada e dunha foliada». Xa o sábado, abrirá a Ecotaberna, na que se poderán degustar pratos elaborados con millo corvo durante todo o día, así como está prevista unha cata de cervexa de edición limitada de Millo Corvo, conferencias, obradoiros e actuacións musicais, como as de Sachodixen e Meninos do Pandeiro.
Unha ruta guiada con Salvador Castro polos Muíños do Canudo con moenda abrirá a xornada de clausura, onde continuarán as degustacións na Ecotaberna, así como do coñecido como «caldo de graunlhos, rojoes e pataniscas de bacalhau». Ademais, Xavier Castro presentará o libro Los grandes vinos de Galicia. Originalidad e historia e non faltará, os obradoiros, contacontos, xogos tradicionais e a música.