María Vázquez, protagonista de «Matria», galardoada co Premio Cinema Galego do FICBueu

BUEU

A actriz manterá un encontro co público do festival o vindeiro 14 de setembro
01 ago 2024 . Actualizado a las 12:49 h.O vindeiro 14 de setembro, a actriz María Vázquez (Vigo, 1979) recibirá o Premio Cinema Galego do Festival internacional de Cinema de Bueu (FICBueu) no transcurso dun acto onde manterá unha conversa aberta co público asistente. Dende o certame buenense recordaron que dende o 2016 homenaxea con este galardón as achegas de profesionais da industria audiovisual de Galicia durante a súa traxectoria, de tal xeito que en anteriores edicións foron recoñecidos ás actrices Mabel Rivera, Melania Cruz e Luísa Merelas, e aos actores Miguel de Lira, Alfonso Agra, Antonio Durán Morris e Celso Bugallo.
No caso de María Vázquez, destacaron que comezou a súa carreira coma intérprete hai preto de 25 anos. «Vencellada profesionalmente tanto ao audiovisual de Galicia coma ao español, estivo nomeada en senllas ocasións aos Premios Goya, a máis recente en 2024 pola súa interpretación no premiado filme galego Matria», apuntaron, ao tempo que engadiron que, de igual xeito, atesoura cinco Premios Mestre Mateo polas súas interpretacións en Trote, Mar libre, O club da calceta, Quien a hierro mata e a propia Matria.
De igual xeito, resaltaron que o seu traballo mais recente para a pequena pantalla é na serie El jardinero, producida por Netflix e que será estreada nos vindeiros meses.
Por outra banda, o equipo do FICBueu apura nestes días os últimos detalles organizativos da vindeira edición do certame, que se desenvolverá do 6 ao 21 de setembro, de tal xeito que os dous xurados para as seccións a concurso no festival, a Oficial e máis Descubertas, xa foron designados.