O SonRías Baixas de Bueu desvela o seu cartel

BUEU

MARCOS CREO

Boikot regresa a Bueu na súa despedida, mentres que os cabezas de cartel son Macaco, Natos y Waor, e La Pegatina

18 feb 2023 . Actualizado a las 00:06 h.

A diferenza doutras ocasións, onde o cartel ía desvelándose pouco a pouco, o Festival SonRías Baixas, que se celebrará do 3 ao 5 de agosto en Bueu, deu a coñecer a nómina completa de artistas que se subirán ao escenario na que será a súa edición 20 aniversario. De novo, esta cita volve a apostar «polo eclecticismo, incluíndo no seu cartel rock, sons urbanos, electrónica, rumba ou ska e formada por máis de vinte artistas consagrados e emerxentes», destacaron dende a organización.

Deste xeito, o dúo de rap madrileño Natos y Waor chega como cabeza para presentar os temas do seu cuarto disco, Luna llena. «Poñendo as súas propias regras e sen esquecer os seus principios, as súas cancións, sempre crúas, descaradas e sen picar palabras, cobran neste disco moitos estilos diferentes e botan a vista atrás para reflexionar sobre tantos anos ao pé do canón e no seu camiño dende o underground ata o mainstream», destacaron aludindo ao feito de que o álbum superou o millón de reproducións nas súas primeiras 24 horas. Foi o disco de rap máis escoitado en España o día do seu lanzamento na historia das plataformas dixitais.

O segundo cabeza de cartel ven avalado por máis de 1.200 concertos en 35 países. De feito, La Pegatina é unha das bandas máis internacionais e celebran neste 2023, como o festival, dúas décadas en activo. No marco do 20 Aniversario Tour «presentarán un novo espectáculo cunha posta en escena renovada, máis enérxico que nunca, e á altura da festa que suxire a súa música».

Mónica Irago

E como non hai dous sen tres, Macaco pecha o triunvirato dos cabezas de cartel cun novo disco, Vuélame el corazón, no que volven a fusionar músicas de raíz, «da rumba á cumbia, do folk ao tango, guitarras pequenas, moogs e sintetizadores retro, e algunhas bases e beats construídos con elementos orgánicos» e todo iso sen esquecer os seus grandes éxitos.

Completan a nómina de artistas Arde Bogotá, Boikot, Cool Nenas, Dubioza Kolektiv, ETS, Grande Amore, La Ganga Calé, LaMontagne & PicoAmperio, Lendakaris Muertos, Lía Kali, María de Juan, Muyayo Rif, Ninhodelosrecaos, Queralt Lahoz, Samuraï, Santa Salut, Tremenda Pack e 30S40S50S. Destaca a presenza de ETS, que pisará por primeira vez Galicia, «facendo unha homenaxe á xente, á rúa e á cultura popular e defendendo en directo o seu novo disco, Guretzat», mentres que no lado contrario sitúanse dúas bandas que regresan ao SonRías, ????Lendakaris Muertos, co seu punk ortodoxo, rápido e cheo de retranca e crítica social, e Boikot, no que posiblemente sexa o seu derradeiro concerto en Bueu tras o seu recente anuncio de despedida.

A venda de entradas estará dispoñible a partir do 21 de febreiro ás 12 horas na web do festival e Enterticket.es. Os primeiros 500 compradores poderán conseguir as súas entradas por 45 euros máis gastos de xestión.