
A banda do Morrazo acaba de presentar o seu novo disco, «Latexos», o terceiro da súa traxectoria
29 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Acompañando á publicación do seu novo traballo discográfico, Latexos, The Skarnivals anunciaron a que será a súa próxima xira que terá como punto de saída a sala Aturuxo de Bueu o vindeiro 4 de febreiro. Outras datas xa confirmadas son as do 11 de febreiro na coruñesa Filomatix, o 25 de marzo na Sala Auriense de Ourense e o 20 de maio en Santiago de Compostela, concretamente na Sala Moon. As entradas xa están á venda a través de Entradium.com.
Xurdidos na comarca do Morrazo no 2012 a raís do proxecto Skakeo, The Skarnivals está composto na actualidade porKome (voz), Adriá (guitarra), Alexandre (guitarra), Chavete (trompeta), Héctor (trombón), Javi Chanke (batería), Txelas (gaita) e Ziku (baixo). Tiveron que pasar sete anos para que publicasen neste 2023 o seu terceiro álbum que segue a senda iniciada por Torsión mundial (2012) Movimiento irracional (2016), aos que habería que sumar un EP homónimo baixo a súa anterior denominación.
Nove temas
Están considerados como unha das grandes bandas de ska punk de Galicia, feito que se percibe en Latexos, publicado polo selo vigués Galunk Producións. Un conxunto de nove temas cheos de potencia, forza e enerxía «co que o grupo comeza unha nova etapa». Ao tempo que o disco sae o mercado e esta dispoñible nas principais plataformas dixitais —YouTube, Spotify, iTunes, Amazon Music...—, tamén ocorre o mesmo co videoclip do sinxelo de presentación, Latexo.
Neste tema, The Skarnivals contan coa colaboración de García MC para elaborar unha composición «que fala sobre a música como elemento de conexión e expresión cultural que nos envolve. Ese vibrar que traspasa barreiras: desde bandas, autores, público ou traballadores». O videoclip foi dirixido e gravado por Alberto Lora, contando con Carles Montalt como auxiliar de producción Carles Montalt e no reparto con Adrián Rodríguez, Lucía Canitrot, Carla González e Candela Lora. Deste xeito, Latexo sumase a outros temas xa presentados, caso como Do Revés ou Cuervos.
Tamén destacan «a colaboración de Juankar, cantante e baixista de Boikot, no tema Volveríame a erguer» ata conformar «nove latexos que fusionan diferentes estilos pero sempre co seu ska punk folk tan característico» que foi gravado e producido nos estudos Estereoarte en Vigo baixo a batuta de Javier Abreu.