O covid leva, aos 66 anos, a un gran capitán da cultura mariñeira galega

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

BUEU

Cedida por Os Galos de Bueu

Bueu lamenta o falecemento de Víctor Domínguez Antas, presidente da Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos e loitador veciño da vila

30 dic 2021 . Actualizado a las 09:55 h.

Hai persoas que fan pobos. E Víctor Domínguez Antas (Bueu, 1955) era dese tipo de cidadáns. Por iso o seu pobo, Bueu, está de loito polo seu pasamento, que se produciu no Hospital de Montecelo, en Pontevedra. Víctor, que tiña una patoloxía previa, estivo na uci por mor do coronavirus. E, finalmente, o virus que nos cambiou a vida a todos foi quen de levar por diante a del. Tiña 66 anos e, ata hai moi pouco tempo, era un home dinámico, loitador e sempre disposto a botar unha man para facer máis grande a cultura mariñeira. 

Víctor Domínguez, natural de Bueu, era un defensor do país en moitos eidos. Pero, sobre todo, destacaba o seu amor pola cultura mariñeira, á que dedicou gran parte da súa vida. De feito, non era carpinteiro de ribeira nin mariñeiro, pero si contribuiu decisivamente a poñer en valor a cultura do mundo do mar. Fíxoo como alma máter da asociación Os Galos, que dende onte non deixa de lamentar a súa perda. De feito, o colectivo publicou nas súas redes sociais: «Víctor era o noso socio fundador, presidente, compañeiro e sobre todo amigo. Eternamente agradecidos pola súa labor de recuperación e defensa do patrimonio marítimo». 

Tamén o Concello de Bueu mostrou o seu pesar polo pasamento, e lembrou que Víctor era unha persoa clave para moitos proxectos relacionados coa cultura mariñeira en Bueu. Así, o alcalde, Félix Juncal, sinalou: «A morte de Víctor colleunos por sorpresa, e en certa forma cambiounos a vida, pois el representaba parte da nosa cultura e historia recentes, e loitou por reivindicar sempre as tradicións mariñeiras».

Logo, tratou de sintetizar as importantes achegas do falecido: «Froito da súa colaboración co Concello e da sua puxanza sae a rehabilitación do estaleiro da Banda do Río que el defendeu man a man xunto a nós, e sempre co mar como bandeira. Resulta imposible nomear todo o que Víctor contribuíu á vila de Bueu, pero como presidente de Os Galos salientamos a posta en marcha dos encontros de embarcacións tradicionais, a colaboración na cabalgata de reis ou a recente doazón de dúas embarcacións tradicionais que locen nos espazos públicos da vila e que simbolizan esa xenerosidade que o caracterizaba. Hoxe o pobo de Bueu fica un pouquiño máis orfo», manifestou o rexedor en nome de todo o Concello.

Foto de arquivo de Víctor, de cando loitou por recuperar a praia da Pescadoira.
Foto de arquivo de Víctor, de cando loitou por recuperar a praia da Pescadoira. XOAN CARLOS GIL

Víctor Domínguez, xenio e figura de barba longa e boina negra, foi tamén unha persoa reivindicativa; disposta a loitar polo que consideraba xusto. Así, ao longo de moitos anos, foi un dos grandes defensores da recuperación da praia da Pescadoira. Unha e outra vez, a pé do areal, Víctor encargouse de mostrar os destrozos e os derrubes aos medios de comunicación para intentar que as autoridades lles puxeran solución. E foi a súa presión, xunto a doutros moitos veciños, a que logrou rescatar este cachiño do litoral de Bueu. 

Pai de tres fillos, Víctor era tamén moi coñecido e querido en Marín, onde foi traballador da gasolinera de Seixo, aínda que agora xa estaba xubilado. 

Coa súa marcha queda orfa a cultura mariñeira. Despiden a Víctor os seus compañeiros de Os Galos ao berro de «¡Boa singradura, compañeiro!». E, seguramente, non haxa unhas palabras máis acaídas para dicirlle adeus a un home feito de mar.