Alfredo Fernández, arqueólogo: «Ons na época romana era un sitio fantástico, tíñao todo para vivir»

Marcos Gago Otero
marcos gago BUEU / LA VOZ

BUEU

CEDIDA

A illa subministrou hai 21 séculos salsa de peixe da ría ás cidades do Imperio

07 abr 2021 . Actualizado a las 23:06 h.

Un equipo de arqueólogos dirixido por la UVigo iniciou onte a escavación dunha fábrica de salgadura na illa de Ons, concretamente na praia de Canexol.

-¿Por que facer esta prospección arqueolóxica en Ons?

-Nós levamos anos cunha liña de investigación sobre a explotación dos recursos mariños en época romana, sobre todo de produción de salsas e peixe de salgadura e a súa comercialización. Dentro desa liña, a nosa intención sempre foi intervir nunha destas fábricas de salgadura na costa. Canexol en Ons está moi ben caracterizada porque se conservan dúas pías no cantil e non había dúbida de que se trataba dunha factoría de peixe da época romana.

-¿Que indicios tiñan?

-O material que se ve é de época romana. Pola erosión mariña estas estruturas quedaron á vista no cantil, e foron aparecendo os muros e ían caendo e por iso sabíamos que está aquí. Parece que está nun estado de conservación moi bo, quitando a parte que está mesmo no cantil e tamén polo espazo no que está nun Parque Nacional. Aquí todo o solo é público e non hai problemas de propiedade.

-¿Que están facendo en Canexol?

-O que queremos é rexistrar moi ben todos os restos que están no cantil, porque co paso do tempo están sendo destruídos polo mar. Queremos preservar esa información para o futuro, é unha razón de urxencia. Ao estudar xa só o que se ve no cantil, vemos que non se trata só dunha factoría de salgadura porque son 300 metros lineais de restos arqueolóxicos dispersos por toda a praia. Probablemente estamos ante unha cousa moito máis complexa con outras estruturas asociadas que poden ser tamén produtivas ou habitacionais. O xacemento é máis grande do que se pensaba. Tamén imos facer un par de sondaxes dentro, preto do cantil pero non pegado para non axudar á erosión. Trátase de delimitar o xacemento cara o interior, é dicir, ata onde chega e tamén a datación dos materiais.

-¿Como podía ser a Ons romana?

-Probablemente máis poboada ou con máis complexidade do que críamos. Non é unha factoría illada. Hai preto un castro que nunca foi escavado polo que non sabemos a súa cronoloxía, probablemente da Idade do Ferro e que continuou durante a época romana porque, a nivel de hipótese cremos que está relacionada co xacemento de abaixo. Seguramente a xente que traballou no complexo industrial a pe de costa vivía no castro que está a cinco minutos.

-¿Hai máis restos romanos?

-Si, unha zona de embarcadoiro moi interesante que está no entorno. Parece que aquí na costa no século I se desenvolveu unha zona fabril de explotación de recursos mariños e seguía sendo habitado o castro. Temos unha ocupación intensa na época romana, iso seguro.

-¿Que buscan os romanos na illa?

-Ons cumpre co requisito principal que é ter auga doce. A navegación desde o continente é sinxela entre comiñas. En época romana sería un sitio fantástico porque ten fondeadoiros naturais onde poden chegar as embarcacións, ten pesca abundante e todo o necesario para vivir.

-¿Que especies lles interesaba?

-O que sabemos xurde do que conseguimos en Adro Vello, que foi un peixe no interior do pío de época romana e algunha outra escavación urxente en Vilagarcía onde apareceu unha factoría con peixe no interior. É todo peixe pequeno como sardiña, xurel de tamaño mediano pequeno, que utilizaban para facer salsas. Tamén o usarían para comer enteiro pero a maioría sería para facer unha das trinta salsas diferentes que podían facer. Terían unha receita que nós xa non sabemos, metíanlle moitas cousas. Iso licuábase, era un líquido que actuaba como un potenciador do sabor e con moitas vitaminas e sobre todo en sal. Era un condimento de comidas.

-¿Cal era o seu mercado?

-Grazas as investigacións en Bueu, que é onde temos o único alfar de ánforas de toda a fachada atlántica desde Peniche. En Bueu fanse dous tipos de ánforas e se as localizamos sabemos onde vai o peixe galego. En Ons o que vemos é que o produto metíase en ánforas de Bueu como contedores para transportalas por vía marítima. A maioría do peixe en Vigo tamén se metía en ánforas de Bueu, que parece que estaba producindo para todas estas factorías.

-¿E onde se atoparon esas ánforas de Bueu?

-En toda a fachada atlántica desde Oporto a Braga e Lisboa, ata o Algarve, en Faro. No interior de España, apareceron en Itálica, e en Sevilla. Máis lonxe uns colegas da Universidade de Barcelona atoparon estas ánforas de Bueu en Mallorca e tamén nunha universidade americana descubriunas no Palatino, en Roma. Probablemente se estaba exportando bastante salsa de peixe cara mercados incluso mediterráneos, cidades importantes onde chegaba o peixe galego.

«A salsa de Bueu era un produto que chegaba a Roma»

Pontevedra, coma o resto das Rías Baixas, formou parte das rutas comerciais marítimas antigas.

-¿Podemos imaxinarnos aos emperadores comendo a salsa fabricada en Bueu ou nas factorías das Rías Baixas?

-Non creo que fose tan cotizada. É un produto que chegaba a Roma, pero Roma era moi grande e probablemente o consumían xente de todas as escalas sociais, pero probablemente tirando cara as máis baixas. Non creo que os emperadores probasen o garum ou unha salsa de Bueu. [Sorrí]. Nunca se sabe, pero a priori imos pensar que eles ían a por produtos máis exclusivos, creo.

-¿Hai algunha pista de que haxa algunha vila romana preto de Canexol ou algo semellante?

-Pode ser, porque o xacemento é moi grande e probablemente sexa unha combinación de zonas fabrís con áreas de traballo de tamén de dormitorio. Podería haber unha vila, que sería como unha casa ou un aglomerado de varias casas, onde durmiran. Do que hai no castro pouco sabemos porque non está escavado. Polo que vemos por agora de Canexol é que o xacemento é moito máis grande e máis complexo do que pensamos. Non só era una fábrica senón que pode haber máis cousas aquí en época romana.

-Cando remate a campaña en Canexol, ¿cales son os plans?

-O Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia colabora con nós no proxecto activamente, en estreita colaboración coa Xunta e a Universidade, e o seu obxectivo é que no futuro poida musealizarse o xacemento. A intención das partes implicadas é continuar co proxecto máis alá deste ano porque é un sitio fantástico para poder escavar un xacemento romano moi interesante e que parece doado de conservar in situ, que é unha das premisas que moitas veces non se poden facer noutros sitios e aquí si.