Falece o antropólogo Staffan Mörling, fillo adoptivo de Bueu

La Voz BUEU / LA VOZ

CULTURA

CONCELLO DE BUEU

O investigador e docente sueco foi un dos grandes estudiosos da etnografía e da cultura mariñeira da illa de Ons

16 may 2020 . Actualizado a las 06:53 h.

Staffan Mörling, quen foi profesor na Escola Naval de Marín e un dos grandes estudiosos da etnografía e da cultura mariñeira da illa de Ons, faleceu aos 84 anos na súa Suecia natal. Mörling, que era moi querido en Bueu, onde o chegaron a nomear como fillo adoptivo, quedará para sempre como unha das grandes referencias culturais da illa buenense. Este é o comunicado que emitiu o Concello pola súa morte esta mesma tarde:

«O Concello de Bueu quere mostrar o seu fondo pesar polo pasamento de Staffan Mörling, quen nos anos 60 descubriu a Illa de Ons e ficou prendado para sempre. Dende aquel tempo non deixou de traballar pola cultura e o patrimonio etnográfico da nosa Illa. Cun gran interese polos temas históricos, Mörling fixo a súa carreira na Universidade de Lund, na que se licenciou en Latín, Historia da Arte e Antropoloxía. Precisamente, como antropólogo documentou as embarcacións tradicionais de Galicia no 1989, tema que seguiu desenvolvendo co libro Lanchas e dornas. A estabilidade cultural e a morfoloxía das embarcacións na costa occidental de Galicia. En colaboración coa súa muller, Xosefa Otero, aplicou as teorías da nova etnoloxía, de orixe danesa, ao amplo material antropolóxico recollido polos dous na Illa, de onde sae o libro Alá, no medio do mar. A comunidade da illa de Ons.

Debido á súa labor incansable pola cultura mariñeira do noso pobo, o Concello de Bueu nomeouno Fillo Adoptivo da vila no ano 2006, unha pequena homenaxe que se completou no 2012 cando a anterior rúa dos institutos pasou a levar o seu nome. Precisamente, no 2015, dende o Concello de Bueu organizamos o acto de descuberta da placa desta rúa, ao que asistiu o propio Staffan Mörling, arroupado pola súa familia e amizades, e que culminou despois coa presentación do seu libro autobiográfico Namoreime en Ons.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, destaca ao ilustre Mörling como «un illán máis que atopou a felicidade nun paraíso como son as Ons e que será lembrado ademais como un dos persoeiros que da nome a unha das nosas rúas. As súas achegas como investigador do noso patrimonio etnográfico perdurará por sempre por poñer en valor con orgullo o noso patrimonio marítimo bueués xunto á propia forma de ser das xentes de Ons. Non cabe dúbida que puxo a Ons, Bueu e Galicia no mapa das máis prestixiosas publicacións científicas nunha das facetas que quedará para sempre na nosa historia colectiva».

Dende o Concello de Bueu queremos enviarlle unha fonda aperta a toda a familia e amizades»