«Nos tráficos foi no que máis se notou a baixada de incidencias»

Os bombeiros súmanse ao operativo contra o covid-19 coa desinfección de centros de saúde


vilagarcía / la voz

David Padín Otero está a fronte do Parque de Bombeiros do Salnés, que aglutina as bases de Vilagarcía e Ribadumia e forma parte do Consorcio contra incendios e salvamento da provincia de Pontevedra xunto coas sedes de Bueu e Porriño. Desde hai uns días, este corpo sumouse ás tarefas de desinfección de espazos públicos. Levaban semanas pedindo que se lles incluíra nos operativos de loita contra o covid-19, e unha vez que o exército se reprega, tócalle a eles toman o relevo.

-¿En que consiste exactamente a labor dos bombeiros?

-Estamos desinfectando a parte exterior dos centros de saúde que nos mandan desde o mando único, nós non facemos limpeza viaria. Empregamos unha mestura de hipoclorito sódico e auga e botámola desde un metro de altura ao chan, ás varandas, aos pomos, ás portas..., todo no exterior.

-¿Onde actuaron nesta comarca?

- En Vilanova, Cambados, Vilagarcía, Meaño, Sanxenxo, Caldas, e a semana que vén seguiremos.

-Xa están afeitos a traballar con materiais deste tipo e medidas de protección, isto non os pillou de novas...

-Si, os bombeiros temos capacitación e formación para traballar ante riscos con químicos, e para a protección persoal temos luvas, traxes de categoría tres para riscos biolóxicos e botas de pvc. Seguimos unhas pautas de vestido, pero o máis importante son as pautas de desvestido, de retirar a roupa.

-O confinamento está provocando unha redución notable de sucesos. Como lles está afectando no día a día?

-O número de incidencias minguou moito, pero temos que seguir mantendo a nosa actividade. Nos tráficos foi no que máis se notou a baixada. Neste mes e medio ardeu un almacén en Catoira, houbo algunha apertura de vivenda e cousas de menor consideración.

-Supuxo algún cambio na organización do traballo?

-Un dos dous parques encárgase das tarefas de desinfección debido a que os medios son limitados o outro mantense de garda para o resto dos servizos. Seguimos facendo gardas de 24 horas de tres ou catro persoas (son un total de 34 bombeiros).

-Como están a vivir este confinamento? Acostumados a gardas de 24 horas e con instalacións dotadas ata de ximnasio non se lles fará tan duro como a outros colectivos...

-Efectivamente, os compañeiros teñen una familiarización con estar 24 horas dentro dun inmoble e a gardas as levan coma sempre, aínda que nos procedementos temos máis precaución, como cando imos á apertura de vivendas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Nos tráficos foi no que máis se notou a baixada de incidencias»