«Calquera actividade física é boa. É a primeira mensaxe a transmitir»

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

BUEU

RAMON LEIRO

O facultativo imparte este martes unha charla sobre a importancia dos hábitos cardiosaudables

05 oct 2019 . Actualizado a las 21:17 h.

Xoán Carlos Eirea Eiras (Santiago, 1962) é médico de familia no centro de saúde de Bueu desde 1996. Este martes, 8 de outubro, o doutor falará da importancia dos hábitos cardiosaudables na segunda sesión das Charlas Saudables 2019 que organiza La Voz de Galicia en colaboración coa EOXI de Pontevedra e O Salnés. Será ás 20 horas na sede de Afundación da cidade, con entrada libre.

-A súa charla leva por título Hábitos cardiosaudables. ¿Por que son importantes?

-A primeira cousa que hai que ter claro é que son saudables para todo e para todos. Ás veces ao falar de hábitos cardiosaudables se mesturan hábitos como unha boa alimentación e a actividade física con factores de risco. Para que se entenda o que son hábitos cardiosaudables e o que non eu falo das catro follas dun trevo. Nese trevo habería dúas follas a arrancar, que serían o alcol e o tabaco, e dúas que habería que promocionar, unha alimentación variada e actividade física.

-¿É unha recomendación para toda a poboación ou só a partir de certa idade?

-Son hábitos transversais, bos para todas as idades.

-Son cousas que se coñecen e diría que ata sinxelas. ¿Por que costa tanto levalas á práctica?

-Porque son hábitos que en moitos casos non son costume e ao non formar parte da nosa vida diaria é algo custoso de incorporar. É algo que se ve moito nas consultas de primaria. No caso da actividade física ou da alimentación, por exemplo, o feito de que o médico dea un consello a estas persoas xa xera cambios e eses cambios son importantes. Son cousas que hai que acostumarse a facer todos os días.

-¿A quen costa máis convencer?

-Non existe un grupo de poboación específico que rexeite estas cuestións. A tendencia global, no caso da actividade física, é facer o menos posible. Facer calquera destas cousas é un acto voluntario e custa traballo, sobre todo porque a xente aínda non é consciente da enorme transcendencia que ten na saúde. Un dos últimos artigos que se acaba de publicar en setembro nunha das revistas con máis repercusión na medicina fala, con respecto á actividade física, que non exercicio físico, non hai que confundir. Actividade física é calquera movemento dun grupo muscular e iso xa conta. A Real Academia de Medicina do Reino Unido fala da actividade física coma unha cura milagrosa, xa que reduce a mortalidade por todas as causas de maneira máis efectiva que a medicación. Pero a xente non termina de sabelo e nós quizais non sabemos transmitilo.

-¿Cal é a actividade física recomendable?

-A primeira mensaxe que hai que transmitir é que calquera actividade física é boa. Non hai que poñer un mínimo a facer porque as veces ese mínimo fai que xente que o ve inalcanzable non faga nada. Hai que andar media hora diaria durante os cinco días da semana, é un consello que trasladamos moitas veces. É bo consello, pero non quita que se eu ando dez minutos non sirva para nada. Incluso a xente que non é capaz de moverse, que ten dificultade para andar, esa xente pode facer actividade física sentada, pode mover os brazos e as pernas cun lixeiro peso. Pódese ir a unha piscina e moverse aínda que un non saiba nadar.

-¿Non hai escusa, logo?

-Non a hai, non. Todo vale. Agora o que sabemos é que hai beneficios desde calquera punto da actividade física e non tanto de medida. Por iso temos que animar a todo o mundo a que faga actividade física. Canta máis mellor. Andar trinta minutos diarios durante cinco días á semana é unha referencia. Ou andar ou facer unha actividade máis intensa pero só tres días. Os exercicios de forza tamén teñen a súa importancia.