O Rasoeiro xa sabe o que é gañar en Primeira Nacional

O equipo do Grove estrea o seu casilleiro histórico nunha das canchas máis duras da categoría

La Voz

E á terceira foi a vencida. O Calmear Rasoeiro acadou o sábado a súa histórica primeira vitoria na Primeira Nacional, a categoría de bronce do balonmán español. E fíxoo ademais nunha cancha insospeitada, a dun Bueu Atlético que converteu o seu terreo de xogo nun dos máis difíciles de conquistar para os seus visitantes, co cadro morracense sendo un habitual dos postos nobres da clasificación. O resultado final, 24-25, ten o valor engadido da capacidade do cadro meco de non perder nunca a iniciativa do marcador máis aló dalgún empate do Bueu unha vez superado o breve intercambio inicial de goles a prol do anfitrión (2-1, minuto 2).

O grande inicio dos compañeiros e pupilos de Kito Parada permitíulles avanzar cun +1 ou empate no electrónico ata os últimos 10 minutos previos ao descanso. Ben xuntos no centro da defensa e retrasando ao máximo a súa 6-0, o Rasoeiro afogou o perigo de Chema, un pivote de grande envergadura para o que non tiña par, e que anotara ata entón 4 dos 6 goles cos que remataría o encontro. Anulado o seu maior perigo, o conxunto arousán endosoulle ao Bueu Atl. un parcial de 2-7 para chegar ao receso 10-15.

Os locais non se viñeron abaixo nunca, e voltaron empatar o choque no minuto 39, 16-16. Un novo estirón meco semellaba enfiar o triunfo visitante, 20-24 (minuto 53). Pero o Bueu puxo o partido nun pano a 2.30 da conclusión co 24-24 entre decisións arbitrais discutidas polo Rasoeiro. E cando todo pintaba mal, os de Parada conseguiron trocar un pasivo inminente por un gol de nove metros de Bruno a 1.19 para a conclusión que resultaría definitivo.

«Estamos en Primeira. Estamos na categoría. Non imos pasar por ela de puntillas; imos competir», declaraba onte Kito, quen subliñaba a importancia dun primeiro triunfo deste calibre para un equipo de xente nova e inexperta.

BUEU ATLÉTICO: Alonso, Mauro Bacelar (4), Andrés Bacelar (1), Román, Simón, Curra, Gonzalo (1), David (2), Lluque (1), Otero (5), Sergio, Chema (6), Aguete (4) y Brais

CALMEAR RASOEIRO: Henrique, Adrián, Sergio (6), Álvaro (1), Bruno (3), Mouco, Ángel, Kito Parada (2), Fernando (3), Iago (4), Alberto (5) y Borja (1)

Parciales (y marcador) cada cinco minutos: 2-2, 3-5, 5-7, 7-8, 9-12, 10-15 (resultado al descanso); 13-16, 16-16, 17-19, 18-21, 21-24 e 24-25 (marcador final).

Árbitros e exclusións: Saúl Menéndez e Jorge Muras (Asturias). Castigaron con 6 exclusións o Bueu Atlético -a David, a Simón (2), a Gonzalo, a Curra e a Chema-; por 4 ao Calmear Rasoeiro -a Bruno, a Kito Parada (2) e a Alberto -.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Rasoeiro xa sabe o que é gañar en Primeira Nacional