Un exemplo de persistencia

m. g. bueu / LA voz< / span>

BUEU

03 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Este mes cumpriranse os vinte anos da chegada de Félix Juncal á corporación de Bueu. En 1995, o BNG de Xosé Novas, que fora o primeiro alcalde democrático da vila, tivo que pactar co PSOE de Aurora Cerviño. A Juncal tocoulle a área de Servizos e tivo que sortear un mandato cheo de problemas -o bipartito pasou polos seus máis e polos seus menos-. Nas seguintes eleccións, o PP reconquistou a alcaldía e o BNG liderou a oposición ata que os nacionalistas optaron polo cambio xeracional. Juncal logrou o que parecía imposible.

No 2003 unha alianza con IBueu permitíu que o Bloque retomase a alcaldía e que Juncal fose rexedor por primeira vez. Neste caso a relación entre nacionalistas e independentes foi un tira e afrouxa que acabou rachando cunha moción de censura que lle deu o bastón de mando á popular Elena Estévez. Foi o trago máis amargo que tivo que beber o líder nacionalista. Aquel pleno da moción foi conflitivo, e agrio o resto do mandato, pero conseguíu gañarse o respecto dos seus veciños e co seu talante recuperou a alcaldía, ante un PP dividido e un PSOE que se afundíu. Juncal non foi rencoroso. Recompuxo o trato con Estévez, defenestrada polo seu propio partido, e aínda a chegou a invitar á toma de posesión. Nese novo mandato todos os ollos estaban postos nel. A oposición foi dura, pero Juncal e o seu equipo resistiron o empuxe e conseguiron revalidar outra vez o apoio nas urnas. Gañou no 2007, no 2011 e o 24M foi a terceira vez.

O alcalde, que non pertence á corrente maioritaria do BNG, tamén ten o mérito de conseguir que todos os afiliados nacionalistas, UPG incluida, o apoien. A escisión que deu lugar a Anova e que o tentou para ir con eles, non conseguiu convencelo. E no pasado maio, aínda que Son, co apoio de Anova, logrou un escano, non llo arrebatou ao BNG de Juncal, senón que o fixo ao PP.