Barro liquidará a súa débeda para liberar recursos cara o 2021

La Voz BARRO LA VOZ

BARRO

emilio moldes

A medida foi aprobada polo pleno cos votos en contra do PP

27 ago 2020 . Actualizado a las 19:27 h.

A pandemia provocada polo coronavirus repercute tamén na economía dunha forma preocupante, tanto para as familias como para as administracións. No ano 2021 os concellos terán que seguir facéndolle frente a problemas derivados da actual situación sanitaria e non está claro como este novo contexto vai repercutir nos recursos dos que as administracións locais van dispor para manter tanto os servizos básicos como as necesidades das familias que peor o están pasando.

Por ese motivo, o goberno municipal de Barro decidiu liquidar xa a débeda do Concello, que seguindo o plan de pagos habitual aínda se remataría de pagar no ano 2022. Desta maneira, liberaranse recursos no orzamento do vindeiro ano para poder facerlle frente a todas aquelas necesidades que se poideran presentar no vindeiro ano.

A amortización da débeda supón anualmente un importante esforzo económico para as arcas municipais, polo que o feito de liquidala vai permitir liberar máis de 180.000 euros anuais que se poderán dedicar a outras finalidades. Ademais, adiantar o pago da débeda suporá para o Concello o aforro dos xuros dos créditos pendentes de pago. O pago da débeda farase con cargo a unha parte do remanete de tesourería en base ao Real Decreto aprobado recentamente polo Goberno do Estado.

Para o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, «o obxectivo é buscar, dentro da estabilidade económica que ten o Concello de Barro, recursos que poidan servir para atender as necesidades que poidan xurdir desta crise sanitaria e económica». Ao mesmo tempo que se mostra satisfeito por poder liquidar a débeda coa que se atopou cando chegou á alcaldía. «Durante os 5 anos que levamos no Goberno levamos pagado máis 1.200.000 euros de débeda herdada e agora poderemos dedicar todos eses recursos a atender outras necesidades».

A liquidación da débeda municipal foi aprobada no Pleno que se celebrou na noite do mércores, cos votos favorables de BNG e PSOE e cos votos en contra do PP.