«É unha prioridade para nós un novo centro de saúde»

Alfredo López Penide
López Penide BARRO / LA VOZ

BARRO

RAMON LEIRO

O alcalde de Barro dálle «unha marxe de confianza» ao novo xerente do Chop para esta infraestrutura

19 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

No ecuador do seu mandato, o alcalde de Barro, o nacionalista Xosé Manuel Fernández Abraldes, fixo onte balance destes dous anos para remarcar que «é unha prioridade para nós un novo centro de saúde». Remarcou que o actual «non cumpre un mínimo estándar» a todos os niveis.

Neste punto, sinalou que está disposto a dar «unha marxe de confianza» ao novo xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez. Neste sentido, destacou que este último está «preparando un plan de actuacións na súa área» no que se contemplan distintas actuacións por orden de prioridade e, entre elas, atoparíase o novo centro de saúde.

Á hora de botar a vista atrás, Abraldes fai unha valoración positiva destes dous anos. A súa filosofía: «Optamos por non facer grandes obras e centrarmos nos problemas pequenos da xente». Mentres que o obxectivo último, que «a xente estea contenta e orgullosa de vivir en Barro».

O polígono e as infraestruturas son outras das súas grandes apostas. Mentres que o parque empresarial de Barro-Meis «está indo ben», a seguridade da PO-531 e da N-550, así como a construción da A-57 son os seus quebradeiros de cabeza. De feito, onte tiña previsto manter unha reunión cos veciños de Curro para analizar este último proxecto.

De igual modo, amosou a súa preocupación pola seguridade dos peregrinos que diariamente atravesan o seu concello.