Organizan por primeira vez en Seoane do Courel un encontro de artesáns

quiroga / la voz

BARRO

02 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Seoane do Courel acollerá o día 9 un encontro de artesáns que comprenderá varias demostracións de oficios tradicionais e a exhibición e venda de numerosos obxectos e artigos. É a primeira vez que a localidade acolle unha iniciativa deste tipo, que foi promovida por veciños que traballan nos sectores da artesanía e da hostalería.

O programa de actividades comprenderá un obradoiro infantil de modelado en barro a cargo a cargo dunha ceramista na praza do Crego de 11 a 13 horas e exhibicións de cestería e vidrería. Os postos de venda dos artesáns estarán instalados no campo da feira -onde tamén se celebra cada dous anos a Festa da Castaña do Courel- e os camiños situados no entorno da localidade. Ata agora está confirmada a participación de cerca de vinte artesáns, unha boa parte dos cales reside no municipio. Os organizadores esperan que a iniciativa contribúa a dinamizar a actividade comercial, social e turística da localidade durante a temporada de verán.

O municipio conta desde hai cinco anos con outra feira de artesanía, que organiza a asociación cultural Fonte do Milagro e que ten lugar na localidade de Vilamor. A última edición desta xornada celebrouse o 7 de xuño.