«No cárcere non se vive ben, vívese un confinamento infinito»

pedro rodríguez villar VIGO / LA VOZ

A LAMA

Cedida

C. volve sorrir tras pasar pola prisión da Lama por un problema xudicial cunha persoa moi cercana a ela. Conta a axuda da súa familia e da asociación Érguete

24 ago 2020 . Actualizado a las 11:47 h.

Os ollos de C. emociónanse cando botan a vista atrás. Estes últimos anos pesan moito nas súas costas. Ela recuperou a liberdade cando toda a xente se confinou en marzo, xusto unha semana antes do estado de alarma. Despois de tres meses e medio na prisión da Lama e outros oito no Centro de Inserción Social (CIS) Carmen Avendaño de Vigo, C. podía volver a durmir por fin na súa casa da comarca da Paradanta coas persoas que quere.

A vida de C. virou por completo ao coñecer a unha persoa. Ela tiña un traballo estable e dúas fillas case maiores de idade, pero ao entrar nunha nova relación viuse envolta nunha espiral de violencia e ameazas que acabaron con ela no cárcere. Un día esta persoa pediu a súa axuda para solicitar un préstamo. «Confiei e asinei, era unha persoa moi cercana», explica, e resulta que cando estampou a súa sinatura no papel, aínda sen sabelo, foi partícipe nun delito. Ela cargou co lío legal no que lle metera sen dicir nada por «medo». «Ameazoume de morte a min e ás miñas fillas para que non lle contara a verdade á policía. Non quería que nos pasara nada e mentín como me pedía», explica C. apertando as mans. É difícil librarse dese pasado. Quedoulle moito medo.

Antes de entrar en prisión viviu momentos moi malos. Sabía cal era o seu destino, sentía que non era xusto, e seguía atenazada polas continuas ameazas que recibía. Por sorte, «a miña familia e o meu novo mozo foron un refuxio que me entendeu e me apoiou sempre». Coa súa forza nas súas costas entrou pola portas da prisión da Lama por primeira vez en marzo de 2019.

«O primeiro día foi horrible. Lembro que facía moito frío. Non comín, e estiven soa a maior parte do tempo», lembra. Pasou a noite na sección de ingresos de A Lama, e despois entrou no módulo 9 por recomendación da monitora de apoio. «Falou comigo, e polo meu carácter pensou que o módulo convivencial era o mellor para min. E tiña razón», agradécelle á funcionaria de prisións. Está segura de que se en vez do 9 fora a outro, a súa vida alí tería sido máis difícil.

«No cárcere é moi difícil estar», conclué sen pelos na lingua. É unha realidade que viviu nas súas carnes. «Non es consciente da importancia da liberdade ata que a perdes», reflexiona. Dentro da celda só podes facer o que che deixan facer, e C. quería estar coas súas fillas, coa súa parella, pero non podía. A súa vida estaba fóra e só a acariciaba nas fugaces visitas vis a vis ou nos locutorios. Por iso quere deixar moi claro a todo o mundo que «no cárcere non se vive ben, sobrevívese».

Aínda que non todo foi malo no seu paso pola Lama. As demais mulleres «arroupáronme» e atopei nelas un apoio que lle axudou «a vivir lonxe da miña familia». «Alí tamén me volvín a sentir segura, sabendo non podían facerme dano a min, nin as miñas fillas». Iso para ela foi desatascar do seu peito un grande tapón de ansiedade.

Na prisión, o se camiño tamén se cruzou co de Elvira Rivas e Andrea Pérez, as responsables do programa Mírate da Asociación Érguete, subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo. Elas son as encargadas de acompañar e dar un asesoramento laboral, formativo e psicolóxico ás mulleres internas na Lama. C. explica que con elas puido por fin dar un paso adiante e mirar ao futuro. «Foron un apoio grandísimo. No cárcere ás veces sénteste esquecida, pero chegan elas e escóitante, axúdante, arróupante, e volves a sentirte persoa, e iso é moi importante aí dentro», destaca cos ollos brillando pola emoción. Andrea está ao seu lado e miraa con agradecemento.

Grazas ao apoio da súa familia, da súa empresa que «sempre contou conmigo» e cos servizos de aseoramento da asociación Érguete conseguiu saír de prisión en terceiro grao, só tres meses e medio despois do seu ingreso. Volveu á casa, aínda que tiña que pasar as noites no Centro de Inserción Social Carmen Avendaño de Vigo. «Ao volver a estar rodeada dos meus sentinme feliz», e o proceso fíxose moito máis fácil de levar ata recibir a liberdade condicional en marzo, un ano despois do seu ingreso e unha semana antes do inicio do confinamento obrigatorio.

Para C., o confinamento foi un «paraíso» comparado coa súa estancia no cárcere. Explica que aínda que non puidera saír do seu fogar, podía facer o que quixera e falar cos seus seres queridos cando lle apetecera. Iso é algo que «na Lama non se podía facer». Opina que estes últimos meses que pasamos deben facer reflexionar a esas persoas que din que no cárcere se vive ben. Cre que hai que lembrarlles que «na prisión vívese nun confinamento infinito, alí catro días vanlles parecer eternos».

Xa pasaron cinco meses dende que adquiriu a liberdade condicional, pero aínda é difícil para ela contarlle ás persoas que estivo en prisión. Sabe que ingresou na Lama por confiar de máis nunha persoa que non o merecía, pero aínda así poucos o saben. «Conteillo a poucas persoas, incluso hai amigos e familiares que non o saben», confesa. Ten medo a que a estigmaticen, non quere que a vexan como unha delincuente toda a vida. «É moi triste, pero ás persoas que pasamos por prisión a sociedade márcanos como malas, e non é así. Detrás dun delito hai tantas cousas... Tamén pode haber vítimas e non delincuentes. A sociedade debe ser consciente de que nós xa cumprimos a pena e merecemos outra oportunidade», reclama.

C. espera que a súa historia axude a entender un pouco o díficil que é estar en prisión. Quere que así a sociedade trate de velas como as persoas que son. Agora, afronta o seu futuro con optimismo rodeada dunha familia que lle quere, dunhas fillas independentes e dun home no que confía. Ela atopou na nova normalidade unha nova oportunidade. «Da vida apredín a ser máis desconfiada, e no cárcere descubrín que a felicidade está nas pequenas cousas, na familia e na liberdade», conclúe.