A Lama acerta co cambio de ubicación de súa feira

La Voz A LAMA / LA VOZ

A LAMA

CONCELLO

O Concello sinala que a Alameda se convertiu nun «centro comercial rural» e destaca a recuperación do polbeiro

29 dic 2019 . Actualizado a las 17:52 h.

Unha boa afluencia de público ao longo da mañá deste domingo certificou que foi un acerto a iniciativa do grupo de goberno municipal de concentrar na Alameda os postos de venda ambulante da feira que cada derradeiro domingo de mes se dispuñan ao longo dos diversos viais do centro da vila da Lama e transformar este mercado nun auténtico «centro comercial rural».

Deste xeito os veciños e veciñas da Lama puideron achegarse comodamente ata a Alameda, lugar onde se concentraron os postos, e puideron así comprobar mellor as distintas ofertas e alternativas e produtos que ofrecen os feirantes que contaron, como «reforzo» coa presenza do polbeiro Porta, profesional moi coñecido na comarca.

Así este domingo estiveron presentes vendedores ambulantes de roupa, calzado panadería, produtos da horta, comestibles e plantas, que deixaron de estar ubicados nas rúas colindantes con este espazo de lecer que será transformado, cada derradeiro domingo de mes, nun auténtico centro comercial rural que dará dinamismo á actividade económica do municipio ao tempo que mellora a oferta comercial na zona.

CONCELLO

A intención do equipo de goberno é deixar libre ao tráfico e ao aparcamento as rúas que ocupaban os vendedores ambulantes e que se pechaban ao tráfico e favorecer así a accesibilidade aos veciños que residen fóra para que estacionen os seus vehículos e que podan tamén acceder de xeito máis doado coas mercadurías que merquen aos coches que teñen estacionados.

Durante gran parte da xornada de feira estiveron presentes o tenente alcalde, David Carrera, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, quenes valoraron moi positivamente esta aposta do grupo de goberno e agradeceron aos veciños e veciñas que se achegaran ata a feira. Tamén amosaron a súa satisfacción pola resposta dos vendedores ambulantes que coa súa presenza reforzaron a oferta e variedade de produtos que se ofrece neste mercado.