«Non pensei noutra cousa que non fose ser gandeira, gústame a aldea»Vienesa.Asturiana.

Os seus pais consideraban conveniente que cursase unha carreira. Ela apostou polo agro


lalín / la voz

Con dezaoito anos e un título de bacharelato que acaba de obter no IES Laxeiro de Lalín, Raquel García Rodríguez (A Lama, Saa, Dozón) non tivo nin a mínima dúbida á hora de encarreirar a súa vida profesional. A gandaría era a súa meta.

-Non cabía outra opción que non fose dedicarse ao gando?

-Non. Non me imaxinaba marchar de aquí para cursar unha carreira fóra. Non pensei noutra cousa que non fose ser gandeira, gústame moito a aldea e só pensaba nas vacas. O meu futuro profesional pasa por quedar aquí.

-A familia, os pais, os compañeiros... que opinan?

-Meus pais preferían que fixese unha carreira que fose relacionado con algo do mundo rural, ao saber canto me gusta, por aquilo de ter algo se non me vai ben coas vacas [risas]. Eu expliqueilles que quería quedar na explotación, entendéronme e acataron a miña decisión. No que se refire aos amigos e compañeiros apoiáronme ao ver que o tiña moi claro e que era o que quería.

-Non todos os mozos, con só 18 anos, teñen as ideas tan claras.

-Haberá de todo, pero no meu caso era algo que xa tiña moi meditado.

-Estás cos trámites para incorporarte á actividade agraria.

-Exacto. Estamos estudando polo miúdo como é o plan de incorporación, xa que a idea é pasar a ser socia da gandaría que teñen meus pais, aquí na Lama.

-Gandaría de leite ou de carne?

-Na actualidade é de carne, pero nos comezos eran vacas pintas. Chámase Ganadería Vázquez S. C., polo nome da casa, xa que o apelido Vázquez xa se perdeu na familia, e funciona dende o ano 1990. Como comentaba nos inicios, tanto meus avós coma meus pais tiveron vacas de leite, pero posteriormente apostaron polas de carne, que son as que temos actualmente.

-De que razas falamos?

-Vienesas e asturianas. Son as dúas razas de vacas que temos en pastoreo. Contamos con 85 reprodutoras, ao que hai que sumar os becerros; en total son unhas 130 cabezas de gando.

-O feito de apostar por ditas razas atende a algún criterio en particular?

-Todos sabedes que Dozón é un municipio de montaña, e tanto as vienesas coma as asturianas son as razas que mellor se adaptan a esta zona. A vienesa, que era unha raza en perigo de extinción e das que aínda hai poucas, polo menos nesta zona, son uns animais duros, que non collen mamite e que se defenden perfectamente dos lobos. Unha cousa fantástica, xa que por aquí hai moitos lobos. As vacas asturianas, polo seu lado, sacan unhas moi boas crías, e é algo moi importante para nós, que é de onde sacamos a rendibilidade da explotación.

-Hai futuro no rural?

-Claro que o hai. Proba é que eu decidín vivir e traballar aquí, pero considero que é necesario facer melloras para que a xente moza opte por quedar e non marche para a cidade. Logo fálase de despoboamento! Aquí mesmo contamos con algunha parella nova pero sen rapaces, polo feito de que non temos unha gardería. Habería que propiciar de inmediato unha administración territorial con concentracións parcelarias. No noso municipio só As Maceiras conta cunha concentración... As Administracións deberían de incrementar as axudas aos que apostamos por quedar no rural, para que non fique deserto e para poder mercar a maquinaria precisa, que é imprescindible pero moi cara. Carecemos tamén dun transporte público axeitado para poder desprazarnos. Se queren que haxa máis xente no rural hai que investir en axudas e en melloras integrais.

Vienesa. Raza autóctona de Galicia, que estivo ao borde da extinción, que logrou recuperarse e conta agora con 8.000 cabezas. Fíxose un oco no mercado das carnes selectas.

Asturiana. Natural do Principado de Asturias, no 2015 púxose a primeira explotación nas Baleares.

«Un servizo de substitución agraria sería moi valorado, ao ser un municipio con moitas granxas»

Raquel xa ten tamén moi claro a que destinará a axuda que percibirá por incorporarse á actividade agraria: a mercar máis animais.

-Non sei con exactitude a cantidade que me vai corresponder pola incorporación, contía á que se sumará penso un plus por ser muller e menor de 30 anos, pero a idea é investir en máis cabezas de gando.

-Das mesmas razas que tedes na actualidade ou comezar con outras?

-Coas mesmas: vienesa e asturiana. Sei como se adaptan, como son...

-Es consciente que se traballa os 365 días do ano?

-Perfectamente, pero prefiro dobrar horas na granxa e vivir feliz que estar encerrada nunha oficina.

-Un servizo de substitución sería de grande utilidade.

-Claro que sería fantástico, moi valorado, pero non temos ningún. Creo que se se artellase habería moitos veciños interesados en botar man do mesmo para poder ter un par de días libres. É outra das iniciativas que se deberían de poñer en marcha naqueles concellos onde non o hai, caso de Dozón. Pensa que este é un municipio eminentemente gandeiro no que hai moitas granxas, sobre todo de porcino, aínda que tamén se está notando unha introdución de polos e viría moi moi ben o servizo.

-Conxuga o coidado dos animais con horta?

-Non. Só temos unha horta para autoconsumo. Os animais témolos en cinco lotes, que están lonxe uns dos outros, hai que levarlles auga en cisterna a algúns puntos onde non a temos, abonar as leiras axeitadamente para que as vacas poidan pastorear todo o ano... Traballos dende logo que hai moitos se queres ter os animais nas mellores condicións, que é o que procuramos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Non pensei noutra cousa que non fose ser gandeira, gústame a aldea»Vienesa.Asturiana.