A formación volver ser un dos eixos destacados do festival Novos Cinemas de Pontevedra
PONTEVEDRA
Jesús Choya, produtor executivo de Lazona Zinema, dirixirá un seminario sobre as dificultades para conseguir financiamento para unha primeira película
04 nov 2026 . Actualizado a las 16:57 h.Un ano máis, a formación volverá ocupar un lugar destacado na vindeira edición, a once, de Novos Cinemas, que se celebrará do 8 ao 13 de decembro en Pontevedra. Deste xeito, o festival aposta por un programa que abrangue o desenvolvemento de primeiras películas, a formación continua de profesionais e a educación cinematográfica, con actividades que favorecen o intercambio de coñecementos e experiencias.
A este respecto, Suso Novas, director artístico de Novos Cinemas, defendeu que «a formación non debería entenderse como unha etapa previa ao exercicio dunha profesión, senón como algo que acompaña permanentemente a práctica cinematográfica. Interésanos que Novos Cinemas sexa un lugar no que convivan diferentes experiencias e maneiras de entender o cinema, desde quen se achega a el por primeira vez ata quen leva anos facendo películas. Aprender tamén implica revisar o que un cre saber, cuestionar determinadas certezas e estar disposto a descubrir outras formas de facer as cousas».
Así, o laboratorio de desenvolvemento Terra#LAB seleccionou catro proxectos para esta edición: Alevosía, de Sara Casasnovas; Cossos al buit, de Alba Bresolí; Sweet Luisa, de Paula Romero; e Ti, Jane, de Pablo Fontenla. Isona Admetlla, Lorena Morín, Soledad Santelices e Luís Campos serán os encargados das mentorías.
Dende o festival destacaron o feito de que na convocatoria deste ano, máis do 70 % dos proxectos presentados estaban liderados por mulleres, «dato que pon de manifesto a presenza feminina entre as novas voces da creación cinematográfica».
Por outro lado e en colaboración coa ECAM (Escola de Cinematografía e do Audiovisual da Comunidade de Madrid), o festival pontevedrés organiza E agora que? Produción e realización novel, seminario que impartirá Jesús Choya, produtor executivo de Lazona Zinema e recoñecido por Variety en 2024 como un dos dez produtores españois emerxentes aos que seguir de preto. Esta actividade «abordará unha das contradicións do cinema actual: nunca foi tan accesible producir imaxes, pero conseguir financiamento para unha primeira película continúa sendo especialmente difícil».
Novos Cinemas volverá a desenvolver a sección Encontros, que, nesta ocasión, «reunirá seis propostas arredor da creación cinematográfica, a crítica e a programación. O colectivo Termita e a comunidade espirituescalera compartirán os seus respectivos modelos de traballo, mentres que Rodrigo Areias, Brais Romero e Francisco Álvarez participarán nunha conversa sobre alternativas ás formas habituais de producir, crear, programar e distribuír películas», precisaron.
Outras cuestións a analizar son as relacións internacionais e a sustentabilidade dos festivais, que centrarán a conversa na que participarán representantes de DOC[IN], Cámara Lúcida e Novos Cinemas. «Completan a programación unha nova colaboración con Working Class Heroes, de Porto/Post/Doc, e unha selección de curtametraxes do cineasta e programador ecuatoriano Francisco Álvarez Ríos», engadiron.
A programación de Aula+Novos completarase cunha nova sesión matinal dirixida ao público escolar.