Un milleiro de músicos de Galicia e Portugal danse cita en Pontevedra no Certame Galego de Bandas de Música
PONTEVEDRA
O deputado Jorge Cubela enxalzou o labor da Federación Galega de Bandas de Música ao «poñer en valor o patrimonio inmaterial e a música popular e tradicional galega»
10 oct 2026 . Actualizado a las 20:26 h.Entre o sábado e o domingo, preto de un milleiro de músicos pertencentes a dezasete formacións, dez galegas e sete portuguesas, daranse cita no Pazo da Cultura de Pontevedra polo dezanove Certame Galego de Bandas de Música, que foi presentado este mércores no Edificio Castelao. O deputado Jorge Cubela, que estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, o concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez, e o representante da Federación Galega de Bandas de Música, Jorge González, destacou que este certame converteuse nun «símbolo da cultura galega, en numerosas manifestacións e disciplinas, e un espazo de protección do legado cultural da provincia e de Galicia no seu conxunto».
As actuacións arrancarán ás 11.00 horas do sábado coa sección infantil, concretamente coa Chikiband, a Filarmónica Juvenil da Academia de Música da Fortaleza de Valença e a Bsanda Infantil da Escola de Música de Salvaterra, mentres que ás 12.30 horas tocáralle a quenda a sección xuvenil da Banda Xuvenil de Monçao e de Figueiredo. Xa pola tarde, serán as seccións terceiras da Banda de Música de Cerdedo, A Golada, Xuvenil de Barro, A Lira de Ribadavia e Xuvenil do Vale as que demostrarán a súa arte, nunha sesión que terá continuidade xa o domingo en horario, tamén, de mañá e tarde, momento no que subirá ao escenario a sección primeira, a máxima categoría do certame, culminando a xornada coa clausura e entrega de premios e diplomas.
Neste acto de presentación, no que actuou o quinteto de metais Minho Reed Quintet, Cubela enxalzou o labor que desenvolve a Federación Galega de Bandas de Música para «poñer en valor o patrimonio inmaterial e a música popular e tradicional galega», así como a importancia de que sexa Pontevedra onde se desenvolva este certame «por ser unha provincia onde as bandas de música teñen moitísima tradición».