Fransy González, Óscar Ibáñez e Xabier Díaz analizan «O poder do folk» en Pontevedra
PONTEVEDRA
A cantareira e pandeireteira abrirá este mércores o ciclo cun relatorio no IES Valle-Inclán
10 sep 2026 . Actualizado a las 19:56 h.Conscientes de que «o folk, nas súas variadas expresións, moveu no pasado e segue a mover no presente, na Galicia territorial e nos principais focos da emigración galega histórica, moitos milleiros de persoas», o Ateneo de Pontevedra organiza un ciclo que, baixo o título de O poder do folk, contará coa presenza de Óscar Ibáñez, Xabier Díaz e Fransy González. Precisamente, esta última é a protagonista da primeira das sesións, que se desenvolverá mañá no paraninfo do IES Valle-Inclán a partires das 19.00 horas con entrada de balde ata completar aforo.
Co título de A voz, a cantareira e pandeireteira ofrecerá un relatorio que, xunto aos de Xabier Díaz e Óscar Ibáñez, servirá «para trazar unha panorámica da realidade presente da música máis nosa e dos camiños e desafíos que se lle ofrecen nas vindeiras décadas». Fransy González «é unha das voces máis representativas da música tradicional de Galicia. Formou parte de Xiradela e investigou as raíces da música tradicional en Bergantiños».