Xosé Ballesteros: «Despois deste premio, creo que xa está todo feito»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Xosé Ballesteros cunha obra clave na súa traxectoria, «O coelliño branco»
Xosé Ballesteros cunha obra clave na súa traxectoria, «O coelliño branco» LÓPEZ PENIDE

O cofundador de Kalandraka recibe o Premio Liber 2026 pola súa traxectoria

03 sep 2026 . Actualizado a las 19:52 h.

O pontevedrés Xosé Ballesteros Rey, cofundador e director xeral de Kalandraka Editora, será homenaxeado pola Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) na Gala Liber da Feria Internacional do Libro. A cita será o vindeiro 30 de septiembre no Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC) de Barcelona onde se lle entregará o Premio Liber 2026 pola súa traxectoria.

Xosé Ballesteros, cofundador de Kalandraka
Xosé Ballesteros, cofundador de Kalandraka LÓPEZ PENIDE

O propio Ballesteros recoñecía estar «moi contento, como non pode ser doutra forma. Este é un premio co que un non conta na medida en que o deciden os colegas, os editores, neste caso a xunta directiva da Federación de Gremios de Editores de España. É algo co que non contaba e que me enche de alegría», sinala o tamén autor de, entre outras obras, Talego, Premio Manuel García Barros de Novela en 1993, ou O coelliño branco.

Ballesteros rememorou que foi o presidente da FGEE quen lle comunicou este recoñecemento cando ía conducindo cara Pontevedra: «Quedei en shock porque poste a pensar quen o recibiu e aí están míticos editores como Herralde de Anagrama ou Beatriz de Moura de Tusquets ou, incluso, Lara de Planeta... Hai un listado de nomes moi importante e dáche un pouco de apuro porque, realmente, máis que editor eu considérome lector. A vida vaiche levando por lugares e camiños que moitas veces non contas que vas transitar e finalmente, non digo destino, por unha serie de casualidades e causalidades trouxéronme ata aquí».

LÓPEZ PENIDE

O cofundador de Kalandraka ten claro que «despois deste premio, creo que xa está todo feito. Máis alá do feito de ter un catálogo de máis de 800 títulos, que chegan a moitos lugares do mundo, incluso a Tasmania teñen chegado desde este recuncho desta cidade preciosa como é Pontevedra, o mérito é ter colaborado en crear unha empresa onde, sobre todo, practicamos a fraternidade. Unha empresa onde todo o mundo está contento co seu traballo e aí estamos nun proceso de renovación que vai ter continuidade e espero que ese futuro eu o poida ver xa dunha maneira máis tempada, máis serena, case como a memoria histórica encarnada nunha traxectoria de moitos anos».