Abre o centro Maruxa Mallo, que «fai da economía creativa a súa bandeira»
PONTEVEDRA
Un espazo de sinerxías entre Concello de Pontevedra e entidades para fomentar a cultura
02 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Este xoves ás 19.00 horas abrirase por primeira vez o Centro Internacional de Creatividade Maruxa Mallo, un proxecto que «fai da economía creativa a súa bandeira» explicou Anabel Gulías. O centro, no antigo conservatorio da Rúa Alfonso XIII, se inaugurará cunha visita guiada para entidades locais e a interpretación musical do grupo feminino de funk pontevedrés Clavo.
No acto de presentación participaron Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica; Ángela Cal, vicepresidenta da asociación Pont-Up Store; Camilo Franco, director de Culturgal; e Ana Oliveira, presidenta de EspazoCoop. Este espazo servirá como sinerxía entre as entidades estratéxicas que se instalarán no primeiro andar — a asociación Pont-Up Store, Culturgal e a unión de cooperativas EspazoCoop — e o Concello de Pontevedra. Esta primeira planta levará o nome de Olga Amoedo, referente histórica e pioneira do cooperativismo do ensino en Galicia. «Alianzas pensadas no cooperativismo», así as denominou Gulías, quen tamén incidiu en que este centro ofrecía unha oficina permanente para Culturgal en Pontevedra, o que permitirá ter unha programación cultural durante todo o ano. «Para facer unha Pontevedra moderna, viva e dinámica», explicou a concelleira de Promoción Económica.
Ángela Cal agradeceu ao Concello por cederlles este espazo de traballo, que lles permitirá realizar «proxectos moito máis interesantes e fluídos». A entidade contaba coa súa sede no edificio de Santa Clara, e agora trasládase ao Maruxa Mallo. A través de Pont-Up Store se organizarán talleres e formacións específicas orientadas á constitución de sociedades, xunto con conferencias sobre intelixencia artificial, sostenibilidade, emprendemento feminino ou a industria dos videoxogos. A vicepresidenta da asociación asegurou que «traerá grandes éxitos».
Por outra banda, Culturgal está a conseguir unha maior implicación na cidade. Camilo Franco explicou que esta é unha oportunidade de poder ampliar o centro de operacións de Culturgal. «Vai permitir que fagamos cousas que non podiamos facer no día a día», engadiu. Na planta de Olga Amoedo se levará a cabo no último trimestre a iniciativa Culturgal Emerxente. Un club de desenvolvedores independentes de videoxogos con perspectiva galega, ademais de obradoiros para as persoas que se queiran iniciar na xestión cultural. «Nós queremos dar creatividade da boa», asegurou Camilo Franco.
Finalmente, Ana Oliveira comentou que este espazo pioneiro permitirá materializar o traballo de tódalas entidades o día de arranque. O 10 de setembro comezará esta xornada de inicio conxunta entre EspazoCoop e a Asociación Pont-UpStore a través do encontro ConectaCoop, que tratará dunha formación sobre estratexias de marketing e redes no marco dun ecosistema emprendedor. Oliveira insistiu na importancia de «mellorar esa forma de facer cidade», concedendo un espazo destinado á creatividade e á cultura en Pontevedra.