Manuel Rivas, Paula Carballeira, Paco Nogueiras ou Elvira Mínguez, no arranque da novena Festa dos Libros de Pontevedra

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Presentación da Festa dos Libros no Concello de Pontevedra
Presentación da Festa dos Libros no Concello de Pontevedra

Ao longo da fin de semana, máis dun cento de autores e profesionais do ámbito editorial e cultural daranse cita na cidade do Lérez

03 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A novena edición da Festa dos Libros arrancará este venres na praza da Ferraría. Organizada polo Concello de Pontevedra, conta coa colaboración de trece librarías da cidade, mentres que a editorial Kalandraka contará cun espazo propio no que exhibirá as súas publicacións.

A carpa permanecerá aberta ao público de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.30 horas, agás o domingo, que pechará ás 22.00 horas. Este espazo, ademais dos postos de venda das librarías, reunirá a máis dun cento de autores e profesionais do ámbito editorial e cultural que protagonizarán un amplo programa destinado a fomentar a lectura e o amor polos libros. Entre os nomes máis destacados figuran Manuel Rivas, Manuel Jabois, Manel Loureiro, María Oruña, Arantza Portabales, Paula Carballeira, Elvira Mínguez, Francisco Narla, Ana Romaní, María Solar ou Xesús Fraga.

A programación arrancará ás 11.30 horas cun contacontos ilustrado con música de Begoña Caamaño a cargo do Colectivo Xurelo, Pequena biografía, no que Enrique Mauricio estará acompañado pola ilustradora Tania Solla e polo músico Marcelo Dobode. Ás 12.30 horas, e da man de Kalandraka, chegará Un verán de contos e música con Paco Nogueiras.

Ás 18.15 horas, e presentada polo escritor e editor Víctor Freixanes, desenvolverase unha mesa redonda arredor da obra e o legado de Begoña Caamaño con Ana Romaní, autora de Volveredes brindar por min, Paula Carballeira, que presenta O transgredir das ondas, Beatriz Maceda, con Begoña ou o pracer da amizade, e María Xosé Porteiro, que achegará Begoña Caamaño. Xornalismo para a cidadanía. De Vigo a Compostela. Unha hora máis tarde, Manuel Rivas conversará co xornalista cultural Ramón Rozas, dentro da sección dedicada á traxectoria destacada, mentres que, ás 20.15 horas, presentarase La educación del monstruo, de Elvira Mínguez.

A xornada inaugural rematará cun encontro no que participarán o arqueólogo Alfredo González-Ruibal, autor de País en ruinas, Xurxo Ayán e Olga Novo, que presentarán Repil. 20 de abril de 1949, e Manuel Gago, con Ata que os mares sequen. Unha Escocia en clave galega. Neste caso, María Hermida, xornalista de La Voz de Galicia, moderará a conversa.

Ademais, ao longo do día, asinarán libros nos distintos postos das librarías Lola Fernández Pazos, Samuel Ferro, Lourdes Solís, Ana Lojo Chan, Lucía Belarte e David Lorenzo, autores de A panadería, editado por Kalandraka, Paco Nogueiras, Xaquín Núñez, Mañá, Analía Bretal, Laura Suárez, Blanca María Trillo Díaz, Jorge Campos, Raquel Piñeiro, David Gago Mav Alonso, Chus Álvarez, Alfredo González-Ruibal, Xurxo Ayán e Olga Novo, Ángela Castro, Iria Collazo López, Borxa Guerrero e Sabela Gil, e Fernando Hernández González.