Amalia Bóveda non irá á inauguración da mostra no Museo de Pontevedra do cadro «A derradeira leición do mestre», co que Castelao homenaxeou ao seu pai
PONTEVEDRA
«Non podo acompañar a quen, cos seus votos, actos e pactos diarios, nega a realidade histórica e institucional do que ese cadro representa», di a filla do represaliado
26 jun 2026 . Actualizado a las 12:58 h.«Amalia Bóveda, filla do mártir galeguista Alexandre Bóveda, quere facer públicos os motivos da súa decisión de non asistir ao acto de inauguración da exposición da obra A derradeira lección do mestre, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, no Museo de Pontevedra. A través deste comunicado, desexa trasladar á cidadanía os motivos de dignidade e coherencia cívica e política que deciden a súa ausencia no acto». Así comunicou Amalia Bóvedra os motivos polos que explicou que non asistirá á inauguración da exposición que levará a Pontevedra o icónico cadro de Castelao, que será exposto no Museo de Pontevedra durante este verán. Amalia Bóveda «quere subliñar e agradecer o excelente trato por parte da equipa e dirección do Museo de Pontevedra para as que ten mostras de agradecemento e que, por suposto, visitará a exposición nas ocasións que guste e acompañada da súa familia. Unha visita segura será o día 17 de agosto, antes do acto institucional na Caeira.
Esta ausencia non inflúe na política de man tendida para seguir a construír e implementar o que sempre debeu existir, é máis, agarda que axude a reflexionar», explica Amalia, que incide en que o voto en contra do Día da Galiza Mártir por parte do PP que denunciou o BNG na Deputación recentemente resulta «dunha profunda hipocrisía institucional perante o cadro máis simbólico do noso exilio», dice.«Cómpre lembrar que Castelao pintou esa obra, precisamente, en homenaxe a Alexandre Bóveda e a todos os represaliados. Non se pode honrar e admirar a obra mentres se despreza e vota en contra do motivo polo cal foi creada».
Amalia Bóvedra incide neste aspecto: «Todos os gobernos da administración promotora evitaron deliberadamente levar este asunto ao pleno dende o ano 2014 para o seu debate e aprobación, actuando sempre de xeito partidista e fuxindo do control democrático que un fito desta relevancia merece. Amalia Bóveda considera intolerable o branqueamento político daqueles que hoxe autoproclámanse “galeguistas” mentres defenden pactos e acordos con partidos de extrema dereita. É unha ofensa directa á memoria de quen deu a vida pola liberdade e a democracia en Galicia que se pretenda inaugurar un cadro contra o fascismo coa man tendida aos herdeiros ideolóxicos e valedores da ditadura», di o comunicado.
Sobre este tipo de alianzas, Amalia Bóvede sostén: «O galeguismo é por natureza e coherencia o contrario ao apoio na extrema dereita, sen ningún tipo de xustificación, máxime co ocorrido neste país. O anterior presidente da Xunta xa compareceu ante o cadro cun descurso e unhas desculpas que, ao tenor do presente, foron mero tacticismo e faltaron á verdade. Agora o actual chámalle “sentidiño” á carencia do mesmo, inventando o “fascismo de esquerdas” diante nosa para poder situarse nunha falsa equidistancia». E prosigue: «Non se pode estar coa Memoria obrando en contra dos Dereitos Humanos e viceversa. Xa está ben de dicir unha cousa e practicar politicamente outra. A memoria maila lección de meu pai e de Castelao, xunto co legado do galeguismo exiliado e asasinado non son mercadoría electoral nin un decorado para o cinismo político. Non podo acompañar a quen, cos seus votos, actos e pactos diarios, nega a realidade histórica e institucional do que ese cadro representa. Esiximos coherencia: non se pode soster o pincel do mestre coa man esquerda mentres coa dereita se borra e apaga a nosa memoria e os Dereitos Humanos», declara Amalia Bóveda.