O Museo de Pontevedra abre as inscricións para os obradoiros infantís de verán

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Imaxe de arquivo dun obradoiro infantil no Museo de Pontevedra
Imaxe de arquivo dun obradoiro infantil no Museo de Pontevedra MUSEO DE PONTEVEDRA

A entidad oferta en xullo e agosto catro obradoiros para achegar á obra de Castelao a través de talleres de animación stop motion e de teatro, á olería tradicional e á colección de pintura do Museo mediante o origami

17 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Un verán máis, o Museo de Pontevedra programará un amplo programa de obradoiros infantís para as mañás de xullo e agosto. Serán catro obradoiros con diferentes dinámicas: dous desenvolveranse con grupos diarios, e os outros en quendas semanais para achegar á rapazada de maneira lúdica e creativa á obra de Castelao a través de talleres de animación stop motion e de teatro, á olería tradicional e á colección de pintura do Museo mediante o origami.

A inscrición ábrese este xoves, 18 de xuño, ás 10.00 horas a través da web do Museo e as prazas atribuiranse por orde de inscrición. Os obradoiros desenvolveranse entre o 1 de xullo e o 28 de agosto, todos eles son de balde e de 11.30 a 13.30 horas.

Deste xeito, do 1 ao 3 e do 7 ao 10 de xullo, desenvolverase Animando a Castelao. Obradoiro con grupos diarios impartido por Carmen Pintos que ofrece sete oportunidades para que a rapazada, a partir de 10 anos, se introduza na técnica de animación con recortes, a partir de debuxos de Castelao que forman parte da colección do Museo.

O 14, 15 e 17 de xullo e do 4 ao 7 de agosto programouse, tamén con grupos diarios, Flores que Brotan dos Cadros, obradoiro de origami impartido por Cristina Velasco Mora, onde nenos a partir de 8 anos aprenderán diferentes técnicas para crear flores de papel inspiradas nas que se atopan en obras expostas no museo.

Días despois, do 21 ao 24 e do 28 ao 31 de xullo, arrancará Olería Popular. Arte da Cerámica Tradicional, obradoiro en dúas quendas semanais impartido por Teresa Pece que ten como obxectivo coñecer a olería popular galega de lugares coma Buño, Bonxe, Niñodaguia ou Gundivós e o traballo de oleiras e oleiros sen nome coñecido que encheron as casas galegas de vaixela e cacharrada. Cada quenda está dirixida a un grupo de idade diferente, de tal xeito que a primeira quenda é para rapaces de 6 a 8 anos e a segunda, de 8 a 12 anos.

Xa en agosto, do 18 ao 21 e do 25 ao 28, con Laboratorio Escénico, a asociación Quecheconto achegará a nenos de 6 a 11 anos todas as facetas do teatro. Así, a partir dalgunha peza artística de Castelao presente na colección do Museo desenvolverase o proceso de comprensión, exploración, posta en escena e mostra final da creación escénica.