Xabier Domínguez: «En Galicia chegou a haber 180 entroidos diferentes»
PONTEVEDRA
O docente é coautor, xunto con Alba De Evan e Iria Prol, de «A guía ilustrada do Entroido galego», obra gañadora do Premio Follas Novas na categoría de iniciativa bibliográfica
11 jun 2026 . Actualizado a las 10:45 h.Semanas atrás, A guía ilustrada do Entroido galego, escrita por Alba De Evan, Iria Prol e Xabier Domínguez, foi distinguida na categoría de iniciativa bibliográfica nos Premios Follas Novas. «Coincidiu que os tres somos mestres e notábamos a falta dun libro destas características para traballar coa rapazada. Xurdiu un pouco así. O libro que, en teoría ía ser infantil e xuvenil como introdución ao entroido, ao final é para todas as idades», apuntaba este último, ao tempo que recoñecía estar «moi contentos. A verdade é que non o esperábamos, non por non estar nominados, pero estar nominados na mesma categoría que Kalandraka e outros proxectos moi interesantes... Dálle un plus ao premio».
—Facendo o libro, descubríchedes algunha cousa que descoñeciades?
—Nós, sendo de Vilar de Barrio, entre Xinzo e Maceda, pensábamos que sabíamos moito do entroido ata que nos puxemos a investigar e descubrimos que en Galicia chegou a haber até 180 entroidos diferentes. Recollidos nos libros hai 42, recuperados, máis ou menos, debe haber sobre 50 e pico ou 60.
—Cal foi o que máis vos sorprendeu?
—Sabíamos que existía, pero non o coñecíamos en persoa, o dos volantes de Chantada —Entroido Ribeirao— e este ano fomos a coñecelo despois de investigar para o libro. Foi como dicir: «Temos que ir a coñecer este entroido». E foi unha sorpresa moi grata porque é algo completamente diferente feito nunha aldea pequeniña, o que ten máis mérito.
—Que foi o máis complexo de sacar adiante «A guía ilustrada do entroido galego»?
—O máis complexo, ao ser unha festa, en gran parte, de tradición oral, en moitos lugares inda que sexan pequenos, depende a quen lle preguntes na aldea, para definir ou para nomear o mesmo obxecto teñen un distinto nome. Entón, se utilizas un, vanse enfadar os outros e, ao revés, igual. O que intentamos foi utilizar os dous ou non utilizar ningún. E despois, á hora de conseguir información, hai moi pouco recollido e o que hai é transmisión oral, e moitas veces non coincide a realidade co que a persoa que o recolleu o anotou.
—Nos últimos anos, e é a miña apreciación persoal, estamos a ver unha sorte de recuperación de entroidos «esquecidos», entre comillas. Como o vedes dende a vosa perspectiva?
—Cremos que todo o que sexa recuperar parte da nosa tradición, e no entroido hai escritos que se remontan a época dos Reis Católico... De feito, consérvase un documento de Alfonso X en Verín que fala do entroido. É unha tradición de máis de mil anos, polo que se tente recuperar parte da nosa tradición e cultura é moi importante porque non nos diferenza co resto, senón que nos enriquece.
¿Quieres contactar con el periodista que firma esta noticia? Escribe a alfredo.lopez@lavoz.es