Rubén González, de El Cafetín, busca ser o Mellor Cociñeiro de Tapas de Galicia

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Rubén González, de El Cafetín
Rubén González, de El Cafetín XUNTA DE GALICIA

A proposta do chef pontevedrés é «un tributo ao galo celta e unha viaxe polo ecosistema do animal»

11 jun 2026 . Actualizado a las 10:42 h.

Un ano máis, Turismo de Galicia aposta por promover o turismo gastronómico cunha campaña que culminará o 30 de xuño nunha gala na que sairá elixido o Mellor Cociñeiro de Tapas Sete Cidades, Sete Sabores 2026 e na que participará un cociñeiro por cada unha das cidades galegas. Rubén González, de El Cafetín, representará a Pontevedra con O canto do galo.

Organizado pola Xunta, na súa décima edición, a Gala Mellor Cociñeiro de Tapas Sete Cidades, Sete Sabores consolídase como un espazo de encontro entre a gastronomía urbana, o talento culinario e a identidade local, destacaron ao respecto. Ao tempo, «constitúe unha iniciativa estratéxica para atraer un perfil de visitante que realiza escapadas ao longo de todo o ano na procura de experiencias gastronómicas auténticas, centradas na cociña de proximidade e na cultura asociada á alimentación».

No caso concreto de Pontevedra, precisaron que concursará coa proposta O canto do galo, de Rubén González, quen «tras curtirse nos fogóns do Parador de Baiona ou o Cenador de Salvador Gallego, en Madrid, volveu á cidade do Lérez onde converteu El Cafetín nun dos lugares de referencia para os foodies da cidade». En canto a súa proposta, incidiron en que «fiel á súa filosofía de aproveitamento total, o cociñeiro presenta un tributo ao galo celta e unha viaxe polo ecosistema do animal: unha complexa royale coroada por unha espetada de peituga curada, acompañada de crocantes coa pel, brotes de chícharo e un intenso caldo. O bocado complétase cunha escuma de millo e aire de cebada, recreando a alimentación do galo en liberdade».

Os chefs das restantes cidades son Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol); Carlos Montes de La Sifonería Gastrobar (A Coruña); Rodrigo Seoane de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela); Rebeca Guede de La Orensana (Vigo); Beatriz Alcalá de La zapatería del abuelo (Ourense) e Jose Luis Pardo de El Boni (Lugo).

¿Quieres contactar con el periodista que firma esta noticia? Escribe a alfredo.lopez@lavoz.es